A Casa da Cultura de Arzúa xa honra a memoria do gaiteiro Xulio Vázquez Carril

O Concello celebrou unha homenaxe pública ao músico arzuán, coñecido como 'O Gaiteiro de San Miguel', referente da música tradicional e da transmisión oral galega
ARZUA casa da cultura xulio vázquez carril
27 Jun 2026

A Casa da Cultura de Arzúa leva desde este sábado o nome de Xulio Vázquez Carril, 'O Gaiteiro de San Miguel', tras unha homenaxe pública na que participaron familiares, representantes municipais, persoas vinculadas á música tradicional e veciños do municipio.

O acto serviu para recoñecer a traxectoria dun gaiteiro profundamente ligado á identidade cultural arzuá e á memoria musical de Galicia. A xornada estivo conducida polo concelleiro de Xuventude, Daniel Moscoso, e comezou coa proxección dun vídeo con fotografías sobre a vida de Xulio Vázquez Carril, a súa relación coa gaita e a súa achega á música tradicional.

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destacou que a nova denominación da Casa da Cultura supón un recoñecemento a unha vida dedicada a conservar, promover e transmitir a música tradicional galega.

Tamén interveu Manuel Vázquez, fillo do homenaxeado, que agradeceu en nome da familia o recoñecemento impulsado polo Concello e a presenza das persoas que asistiron ao acto.

A homenaxe contou ademais coa participación de Carlos Rodríguez Osorio, catedrático e compañeiro de Xulio no grupo Os Gaiteiros de San Miguel, quen lembrou a súa xenerosidade e a súa disposición a compartir coñecementos con todas as persoas interesadas na música tradicional.

A parte musical correu a cargo de Fol da Chousa Vella de Santiso, Santiaguiños de Boimorto e Fiadeira de Melide, que interpretaron a Marcha do Antigo Reino de Galiza. O acto rematou coa interpretación do Himno Galego e coa descuberta dunha placa conmemorativa encargada a Sargadelos, coa que o edificio pasa a denominarse oficialmente Casa da Cultura Xulio Vázquez Carril, 'O Gaiteiro de San Miguel'.

Xulio Vázquez Carril foi un gaiteiro arzuán vinculado á contorna de San Miguel, na parroquia de Maroxo. Comezou a tocar desde moi novo, aprendendo de oído, e recibiu a súa primeira gaita de Basilio Carril, seu curmán e figura destacada da artesanía musical galega.

Tras décadas afastado da música, recuperou a gaita coa xubilación e volveu ás foliadas. A súa traxectoria tamén estivo marcada pola transmisión do chamado toque 'ao pechado', unha forma de tocar propia da zona que espertou o interese de músicos e mestres de distintos puntos de Galicia.

0.32726407051086