A CEO incrementa un 14% o seu orzamento e define os catro piares estratéxicos da súa nova etapa

A Asemblea Xeral da CEO reforza a solidez económica da organización e fixa infraestruturas, talento, competitividade e demografía como eixos da súa nova etapa
asamblea-ceo
3 Jun 2026

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) celebrou a súa Asemblea Xeral cun balance económico positivo e coa presentación da folla de ruta que marcará a xestión da organización nos próximos anos. O encontro serviu para constatar a mellora da situación financeira da entidade e para dar a coñecer as prioridades estratéxicas impulsadas polo seu presidente, David Martínez.

A organización pechou o último exercicio cun beneficio de 61.000 euros, moi por riba dos 17.000 euros obtidos o ano anterior. Ademais, o orzamento para este ano medra en 234.000 euros, o que supón un incremento do 14%, impulsado polo aumento de actividades, proxectos e servizos desenvolvidos pola confederación.

Durante a súa intervención, Martínez destacou o crecemento da actividade da CEO e agradeceu o traballo realizado polo equipo da organización, poñendo en valor tamén o labor de coordinación desenvolvido pola Secretaría Xeral.

Un dos momentos centrais da asemblea foi a presentación do proxecto 4OurenStrategic, que articula os catro piares sobre os que se apoiará a nova etapa da entidade. O primeiro deles está centrado nas infraestruturas, con especial atención ás comunicacións, á mobilidade e á dispoñibilidade de solo industrial como elementos clave para o desenvolvemento económico da provincia.

O segundo eixo enfócase no talento e na formación, apoiado no Observatorio de Capital Humano, co obxectivo de favorecer a cualificación profesional e responder ás necesidades do tecido empresarial. O terceiro piar aposta pola internacionalización, a dixitalización e a mellora da competitividade das empresas ourensás, reforzando iniciativas xa consolidadas como Exportou e promovendo o asociacionismo empresarial.

Por último, a estratexia incorpora un cuarto bloque dedicado aos desafíos demográficos, á vivenda, á atracción de investimentos e ao aproveitamento do potencial do AVE para facer de Ourense un territorio máis atractivo para residir, traballar e desenvolver proxectos empresariais.

Martínez defendeu a necesidade de implicar ás asociacións sectoriais, ás empresas e aos traballadores autónomos na consecución destes obxectivos e realizou tamén unha análise da conxuntura económica provincial. Aínda que destacou a evolución favorable de indicadores como o emprego e a afiliación, advertiu de retos como a falta de man de obra, o absentismo laboral, o envellecemento da poboación e a ausencia de relevo xeracional. Así mesmo, sinalou o impacto que continúan tendo a inflación e o incremento de custos sobre empresas e autónomos.

A clausura da asemblea contou coa participación do director de Economía da CEOE, Gregorio Izquierdo; da vicepresidenta da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa; do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; e do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.

Durante o acto, Marta Nóvoa destacou o “importante papel que desempeña la CEO como elemento vertebrador del tejido empresarial de la provincia, una organización fuerte, unida y comprometida que es garantía para seguir avanzando en un contexto cada vez más competitivo y cambiante”.

Pola súa banda, José González puxo en valor os datos do mercado laboral galego e ourensán, mentres que Gregorio Izquierdo defendeu a necesidade de favorecer un contorno que permita o crecemento empresarial. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, incidiu na necesidade de atraer máis investimento á provincia, combater a emigración xuvenil e abordar a fraude nas baixas laborais.

A asemblea reuniu ademais a representantes institucionais, empresariais, civís e militares, nunha mostra do respaldo ao labor que desenvolve a Confederación Empresarial de Ourense como principal voz do tecido produtivo provincial.

0.42683506011963