A CHMS continúa coa retirada de arrastres e restauración de leitos en Viana do Bolo

Os traballos comezaron dous días despois dos temporais na zona máis afectada, Pradocabalos, na que se procedeu á retirada de gran cantidade de troncos arrastrados polas choivas
restauracion-leitas-viana-do-bolo
29 Jul 2026

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), e Germán García-Ávila, alcalde do concello ourensán de Viana do Bolo, visitan o Regueiro da Canela, no treito afectado polos arrastres das intensas choivas do pasado mes de xuño.

Os traballos comezaron dous días despois dos temporais na zona máis afectada, Pradocabalos, na que se procedeu á retirada de gran cantidade de troncos arrastrados polas choivas ao atoparse nas ladeiras, fóra da zona de policía e en terreos desprovistos de vexetación, o que favoreceu o seu depósito no cauce e nas zonas próximas; traballos que continúan a pesar da oposición da Comunidade de Montes Veciñais de Pradocabalos, que non permite o depósito temporal da madeira retirada, o que dificulta a axilidade da execución.

É importante lembrar, ademais, que ao non seren realizados os traballos de restauración forestal e retirada de troncos e madeiras queimadas nas ladeiras da montaña como consecuencia dos incendios do verán de 2025, actuacións competencia da Xunta de Galicia, propiciouse que as intensas choivas de xuño deste ano favorecesen os arrastres cara ás leiras, propiedades e leitos, provocando o seu taponamento e colapso, coas terribles consecuencias acontecidas.

A CHMS continúa traballando en distintas zonas do Concello de Viana do Bolo, desde a ponte da estrada OU-533 cara ás localidades de Pradocabalos, Castro e A Bouza. As actuacións consisten na retirada de entullos, residuos e restos forestais depositados nos cultivos da zona; conservación e mellora do DPH de varios leitos lindeiros e na reparación do dique da marxe esquerda do río da Espiñela na zona urbana de Pradocabalos; actuacións que se completarán cos arranxos dos danos que poidan producirse nos camiños de acceso durante a execución dos traballos.

"Desde o Goberno de España demostramos o noso firme compromiso de colaboración cos concellos que solicitan a nosa axuda, proxectando actuacións que, dentro das nosas competencias, axuden a preservar a integridade e os bens da cidadanía e que, ademais, redunden en beneficio do medio ambiente e do desenvolvemento sustentable", concluíu Quiroga.

0.37606191635132