A CHMS entrega á USC as chaves do Muíño de Olga para convertelo nun punto de divulgación científica

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) entregou á Universidade de Santiago de Compostela (USC) as chaves do Muíño de Olga, en Lugo, que será destinado a partir de agora a actividades de divulgación científica, formación e transferencia de coñecemento. A entrega simbólica tivo lugar este xoves 3 de setembro e foi recibida pola reitora da USC, Rosa Crujeiras, das mans do presidente da CHMS, José Antonio Quiroga.
A actuación permitiu rehabilitar e adaptar este histórico elemento do patrimonio hidráulico lucense cun investimento superior aos 790.000 euros, asumido integramente pola CHMS e realizado ao abeiro do convenio subscrito entre ambas as entidades.
Rosa Crujeiras destacou a importancia do proxecto para a USC, ao permitir recuperar un elemento do patrimonio hidráulico e, ao mesmo tempo, dotándoo dunha nova función ligada ao coñecemento, á formación e á transferencia. Neste proceso terá un papel destacado a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, que participará no desenvolvemento do proxecto e na definición dos seus contidos e actividades.
A intención da universidade é que o Muíño de Olga se converta nun "espazo vivo, conectado e integrado plenamente nas actividades do Campus de Lugo", no que se poidan organizar actividades formativas e divulgativas, impulsar a transferencia de coñecemento e achegar á sociedade o coñecemento sobre a auga, así como a súa xestión e conservación.
"Recuperar patrimonio para xerar coñecemento e poñer ese coñecemento ao servizo da sociedade", resumiu a reitora para definir o obxectivo desta nova etapa do edificio.
Un antigo muíño hidráulico recuperado
O Muíño de Olga foi construído inicialmente como muíño hidráulico de río, equipado con catro turbinas, e posteriormente foi transformado en restaurante sen que se modificase de maneira irreversible a súa configuración arquitectónica. O inmoble conta con dúas plantas por riba do nivel das augas e outra baixo este, onde se localiza o circuíto hidráulico.
A estrutura orixinal está formada por muros de carga construídos con laxas de lousa e revestidos interiormente con morteiro de cal. As estruturas horizontais realizáronse con pezas de madeira de castiñeiro, ao igual que o pavimento, mentres que a cuberta presenta unha solución a catro augas con características singulares respecto doutras construcións tradicionais.
As obras executadas pola CHMS permitiron adaptar o edificio ao seu novo uso e retirar diferentes elementos engadidos ao longo dos anos que non formaban parte do conxunto orixinal. Entre eles estaban unha construción destinada a polbeira e unha terraza sobre o río Miño apoiada en estruturas de formigón.
Tamén se substituíu a cuberta para mellorar a impermeabilidade e o illamento térmico, cun acabado en lousa. No interior elimináronse os elementos vinculados ao antigo uso hostaleiro e restauráronse os elementos hidráulicos históricos do muíño.
Tras a intervención, o edificio conta con espazos destinados a exposicións e cunha sala na planta superior preparada para acoller charlas e reunións, cunha capacidade superior ás 40 persoas.
A USC será a encargada de dotar de contido o espazo
A universidade será agora a encargada de desenvolver os contidos e as actividades que se levarán a cabo no Muíño de Olga, que funcionará como punto de divulgación científica e transferencia de coñecemento.
Pola súa banda, José Antonio Quiroga sinalou que a cesión permitirá contribuír á difusión da cultura tradicional, da historia e do patrimonio etnográfico de Galicia.
A infraestrutura fluvial conta con 363 metros cadrados construídos e a súa adaptación supuxo un investimento total superior aos 790.000 euros, financiado integramente pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.