A CHMS investirá 190.000 euros na mellora e ampliación do saneamento en Meira

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), e Antonio de Dios, alcalde do Concello lucense de Meira, rubrican un Convenio de colaboración que posibilitará o financiamento e a redacción do proxecto de mellora do saneamento e da EDAR de Meira.
A localidade de Meira dispón na actualidade dunha estación depuradora de augas residuais (EDAR) á que se conectan, ademais das augas residuais e pluviais urbanas, as procedentes do seu polígono industrial.
É intención do Concello de Meira proceder á ampliación deste polígono industrial, o que provocará un aumento de vertidos á EDAR, que se atopa ao límite da súa capacidade. Na actualidade hai empresas que demandan máis solo nun polígono de grande actividade e con empresas importantes.
En aras da colaboración entre administracións, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, atendendo ao requirimento do Concello, redactou en datas recentes un documento de análise da situación actual da EDAR de Meira e o plantexamento de posibles alternativas de actuación que pode servir de base para a redacción do proxecto construtivo.
O citado proxecto, obxecto do presente convenio, dará solución ás conexións da rede de fecais do Polígono á EDAR actual a través dun novo colector para evitar os vertidos de orixe industrial ao río Miño en período de choiva.
Tamén contemplará a construción dunha nova rede separativa no polígono industrial actual e un dispositivo para garantir o alivio dos caudais de augas residuais urbanas antes da súa entrada na EDAR.
Por outra parte, dará solución á capacidade de bombeo de cabeceira da EDAR, proxectándose un pretratamento independente para recibir o caudal industrial directamente do Parque Empresarial.
Estas actuacións completaranse coa mellora e ampliación da planta depuradora para adaptala ás novas cargas e caudais previstos e renovarase completamente a liña de lodos; e plantexarase o cambio do sistema eléctrico incluíndo a posibilidade de dispoñer de paneis solares.
“A posta en marcha do proxecto é o primeiro paso para asinar o seguinte convenio en 2027 para a execución das obras, coñecendo as características técnicas e o custo do investimento”, explicou o presidente.
“Este é o primeiro paso para dar resposta ás necesidades crecentes de Meira no camiño de seguir mellorando”, incidiu o alcalde, Antonio de Dios.
“Coa elaboración do proxecto teremos a base para asinar, o próximo ano, o convenio de execución das obras, o que posibilitará o crecemento deste municipio, cumprindo coa normativa ambiental”, concluíu Quiroga.
O investimento necesario para a redacción do proxecto estímase en 190.000 €, que será sufragado nunha porcentaxe do 90 % pola CHMS e o 10 % restante polo Concello de Meira.