A Cidade da Cultura recibirá a Santa de Asorey, trasladada de forma permanente desde Uruguay

A obra foi adquirida polo Goberno galego no marco do proceso de liquidación concursal da Casa Galicia en Montevideo
a-santa-de-asorey
26 Jul 2026

A Xunta de Galicia traslada de xeito permanente a Santa de Asorey a Galicia coincidindo co centenario da súa creación, no ano 1926. Así, tras máis de sete décadas en Montevideo, e emblemática obra realizada por Francisco Asorey pasará a estar exposta na Cidade da Cultura.

Considerada unha das obras clave para comprender a traxectoria de Asorey, a Santa é unha das pezas máis relevantes da escultura galega do século XX, ademais dun ben cultural fundamental da memoria artística e da emigración galega. Así mesmo, está considerada un símbolo da modernización artística e cultural de Galicia no primeiro terzo do século pasado.

Tras a súa presentación, no ano 1926 na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid, a peza foi adquirida en 1951 pola colectividade galega emigrante en Montevideo, onde estaba exposta ata este momento. En 2022, e tras máis de sete décadas, o Goberno galego adquiriu a figura no marco do proceso concursal da Casa Galicia en Montevideo ao abeiro do cal a Xunta de Galicia adquiriu boa parte dos bens que albergaba, entre os que se inclúen tamén fondos documentais e bibliográficos.

Nese momento, a Administración autonómica acordou co Goberno de Uruguai que a peza pasase a exhibirse no Museo Zorrilla. Con todo, os últimos cambios no relato expositivo desta institución e a reorganización da súa colección motivan agora o seu traslado a Galicia para garantir a idónea contextualización, estudo e contemplación da obra por parte do público.

O retorno da peza, que xa se puido ver en Santiago de Compostela con motivo da exposición Galicia, un relato no mundo, que se exhibiu na Cidade da Cultura e recibiu máis de 46.000 visitas, é posible grazas á estreita colaboración institucional entre a Xunta de Galicia, o Goberno do Uruguai e a dirección do Museo Zorrilla, co apoio das colectividades galegas na diáspora.

0.47644710540771