A CIG acusa á Xunta de abandono absoluto do persoal técnico de enxeñaría forestal

A CIG-Administración Autonómica denuncia o abandono do persoal técnico de enxeñaría forestal. Lamenta a falta de resposta da Consellería do Medio Rural ás reivindicacións das escalas deste colectivo, que desempeña funcións esenciais na planificación e xestión forestal, na coordinación do dispositivo e na loita contra os incendios forestais, e exixe a convocatoria urxente da Mesa de Seguimento do Acordo de Condicións de Traballo, ademais de avances na xubilación anticipada.
Tras as reunións mantidas nos meses de maio e xuño para abordar diferentes cuestións que preocupan a este colectivo, a conselleira do Medio Rural convocou á representación sindical a unha xuntanza para o vindeiro 24 de setembro. A CIG-Autonómica denuncia que, porén, a orde do día limita a reunión unicamente á cuestión da aplicación de coeficientes redutores para facilitar a xubilación anticipada.
Para a CIG-Administración Autonómica, é “incomprensible” que queden fóra desta convocatoria outras reivindicacións prioritarias para o persoal técnico, como as especializacións ou a actualización do Acordo de Condicións de Traballo.
Subliña que esta situación non é nova e lembra que con data do 6 de marzo do 2024, as organizacións sindicais —coa excepción de CCOO— solicitaran formalmente a convocatoria da Mesa de Seguimento do Acordo de Condicións de Traballo do persoal técnico. Un acordo que data de 2008 e que, despois de case dúas décadas, precisa dunha revisión e actualización que dea resposta á realidade actual destes postos de traballo.
Tampouco entende que os responsables da Consellería do Medio Rural manteñan reunións con outras escalas, grupos e categorías que forman parte do dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais e, pola contra, non atendan do mesmo xeito as escalas de enxeñaría forestal. Un persoal que asume importantes responsabilidades na planificación do territorio, na coordinación, na xestión forestal e na propia extinción dos incendios.
Esta falta de atención resulta, para a CIG-Autonómica, aínda máis preocupante cando o Executivo galego vén insistindo publicamente na necesidade de investir e reforzar a prevención dos incendios forestais. Fronte a isto, advirte que na Dirección Xeral de Defensa do Monte existen dúas prazas dependentes da Subdireccion Xeral de Prevención que levan meses sen estar ocupadas.
Xubilación anticipada e coeficientes redutores
O pasado 14 de setembro a CIG rexistrou perante a Secretaría Xeral Técnica de Medio Rural e a Dirección Xeral de Emprego Público e Persoal un escrito no que se solicita a modificación da normativa de emprego público necesaria para facilitar a xubilación anticipada do persoal técnico mediante a aplicación dos correspondentes coeficientes redutores.
Esta será unha das cuestións que o sindicato trasladará á conselleira na reunión do día 24, na que tamén reclamará que se desbloquee dunha vez a situación do colectivo e que se convoque, coa máxima urxencia, a Mesa de Seguimento do Acordo do Persoal Técnico, ademais de dar cumprimento aos compromisos adquiridos pola Administración respecto das restantes reivindicacións pendentes.
Advertirá á Consellería de que o vindeiro 30 de setembro remata o período de gardas deste persoal sen que, a día de hoxe, se coñezan as previsións da Dirección Xeral de Defensa do Monte respecto do dispositivo de incendios para as semanas posteriores.
Esta falta de planificación resulta especialmente preocupante ante a posibilidade de que se produza un outono cálido e con poucas precipitacións, circunstancia que podería prolongar o risco de incendios forestais máis alá do período habitual.
Por todo isto, exixe á Consellaría do Medio Rural que deixe de adiar os problemas do persoal técnico de enxeñaría forestal, abra unha interlocución efectiva co colectivo e dea resposta ás cuestións laborais e organizativas que levan anos pendentes.