A CIG acusa ao Sergas de pechar máis de 500 camas hospitalarias en Galicia

Por Áreas Sanitarias a previsión de peche é, en Pontevedra, 26 camas; Vigo, 180; Coruña, 92; Ferrol, 32; Santiago, 88; A Mariña, 36; Monforte, 28; Lugo, 68 e en Ourense non lles comunicaron nada
Hospital-HULA-dentro
8 Jun 2026

A CIG-Saúde denuncia que o SERGAS volverá afrontar o período estival mediante unha política de recortes na atención hospitalaria baseada no peche de máis de 500 camas nos hospitais públicos galegos, malia que a realidade asistencial evidencia que o sistema sanitario xa presenta graves problemas de saturación e dificultades para dar resposta á demanda existente.

A organización sindical considera especialmente grave que esta redución da capacidade hospitalaria se produza nun contexto no que centos de pacientes permanecen diariamente nos servizos de urxencias á espera dunha cama de hospitalización. Nalgúns casos, as persoas doentes vense obrigadas a pasar horas e mesmo días en observación ou en espazos habilitados provisionalmente ata que se produce unha alta ou queda unha cama dispoñible.

Para a CIG-Saúde resulta incomprensible que o Sergas manteña pechadas centos de camas mentres se cronifica unha situación que afecta directamente á dignidade das persoas doentes e á calidade asistencial. “Non se pode afirmar que sobran camas cando hai pacientes ingresados nas urxencias porque non teñen onde ser hospitalizados”.

Por Áreas Sanitarias a previsión de peche é, en Pontevedra, 26 camas; Vigo, 180; Coruña, 92; Ferrol, 32; Santiago, 88; A Mariña, 36; Monforte, 28; Lugo, 68 e en Ourense non lles comunicaron nada.

A central sindical lembra que o peche de camas non é unha medida puntual nin responde exclusivamente á diminución da actividade cirúrxica programada durante os meses de verán. Pola contra, trátase dunha decisión estrutural que se repite ano tras ano e que ten consecuencias directas sobre a atención sanitaria, incrementando a presión sobre as urxencias, retrasando ingresos hospitalarios, aumentando a carga de traballo dos profesionais e limitando a capacidade de resposta dos centros sanitarios.

"Ademais, esta política vai acompañada dunha insuficiente cobertura das vacacións e ausencias do persoal, o que provoca que moitos servizos funcionen durante o verán con cadros de persoal reducidos, a pesar de que as necesidades asistenciais non desaparecen e incluso aumentan en determinadas comarcas pola chegada de poboación desprazada", engaden.

A CIG-Saúde considera que esta situación evidencia, "o fracaso da política de xestión de recursos humanos do Sergas. Ano tras ano, a Administración sanitaria demostra a súa incapacidade para planificar con antelación as necesidades de persoal derivadas das vacacións, permisos e outras ausencias previsibles, renunciando a elaborar un verdadeiro plan de continxencia que garanta o mantemento da actividade asistencial. Lonxe de adoptar medidas organizativas e de reforzo dos cadros de persoal, o Sergas opta pola solución máis sinxela: reducir a capacidade do sistema mediante o peche de camas, unidades e instalacións sanitarias, trasladando as consecuencias desta mala planificación tanto ás persoas usuarias como ás e aos profesionais da sanidade pública".

A CIG-Saúde denuncia que o Sergas "continúa a planificar a asistencia sanitaria en función de criterios economicistas en lugar de facelo en función das necesidades reais da poboación". A organización sindical advirte de que a falta de investimento en recursos humanos e materiais está detrás dunha situación que cada ano se reproduce con maior intensidade.

Vigo, a máis afectada

A área sanitaria de Vigo será unha das máis afectadas polos peches previstos, con arredor de 180 camas clausuradas durante os meses de verán. Unha situación especialmente preocupante tendo en conta que esta área sanitaria xa afronta unha importante presión asistencial derivada da incorporación ao CHUVI de máis de 8.000 pacientes procedentes de POVISA. Para a CIG-Saúde, "resulta incomprensible que se reduza a capacidade hospitalaria precisamente nun momento no que aumenta a poboación de referencia do hospital e persisten os problemas de saturación nas urxencias e de demora para acceder a unha cama de hospitalización. En todo caso, a redución da capacidade hospitalaria esténdese ao conxunto do país e afecta a todas as áreas sanitarias".

Para a CIG-Saúde, a existencia de máis de 500 camas pechadas mentres continúan as esperas para acceder a unha cama de hospitalización evidencia o "fracaso da planificación sanitaria" da Consellaría de Sanidade. Por este motivo, reclama a apertura das camas previstas para pechar, a cobertura completa das vacacións e permisos do persoal e a adopción das medidas necesarias para garantir unha atención sanitaria pública, universal e de calidade durante todo o ano.

A sanidade pública galega non precisa menos recursos no verán; precisa máis capacidade asistencial para responder con garantías ás necesidades da cidadanía.

0.3724091053009