A CIG alerta do aumento da pobreza laboral en Galicia e asegura que sen inmigración a situación do emprego sería “alarmante”

Baséase nun informe elaborado polo Gabinete Técnico de Economía da Confederación Intersindical Galega a partir de datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA)
paco-sio-informe-emprego-cig
15 May 2026

Un informe elaborado polo Gabinete Técnico de Economía da Confederación Intersindical Galega a partir de datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), da Seguridade Social e da Axencia Tributaria advirte do incremento da precariedade e da parcialidade no mercado laboral galego, unha situación que, segundo o sindicato, está a provocar un aumento da pobreza entre a clase traballadora e unha crecente polarización social.

O estudo foi presentado este mércores en Vigo polo secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, quen advertiu de que a situación do emprego en Galiza sería “alarmante” sen a chegada de persoas migrantes, debido á perda continuada de poboación activa autóctona.

Segundo os datos recollidos no informe, o 34,1% das persoas asalariadas galegas percibiron en 2024 ingresos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI). En concreto, das 1.106.738 persoas traballadoras con salario en Galiza, 185.282 tiveron ingresos inferiores á metade do SMI, mentres que outras 191.576 percibiron entre media e unha vez o salario mínimo.

A análise tamén destaca que o 60,9% das persoas asalariadas galegas tiveron ingresos inferiores a 1,5 veces o SMI, é dicir, menos de 19.598 euros brutos anuais, situándose por baixo do salario medio anual. Para a central sindical, estes datos evidencian unha sociedade “cada vez máis polarizada”, na que medran tanto os salarios máis baixos como os máis altos, mentres diminúe o peso das clases medias.

No extremo superior da táboa salarial, o informe recolle que 2.232 persoas en Galiza percibiron ingresos superiores a dez veces o SMI, cun salario medio anual de 358.726 euros brutos. A CIG destaca que unha única persoa deste tramo ingresou o equivalente ao salario de 109 persoas situadas no nivel máis baixo, por debaixo da metade do SMI.

O sindicato sostén que a elevada temporalidade, a rotación laboral e, especialmente, a parcialidade dos contratos están detrás desta situación de desigualdade e dificultan que unha parte importante da clase traballadora poida vivir de maneira independente e en condicións dignas.

O informe incide especialmente na situación das mulleres e das persoas migrantes, colectivos que presentan os salarios máis baixos e as condicións laborais máis precarias. No caso das mulleres, os datos revelan que concentran a maior parte dos contratos indefinidos a tempo parcial, representando o 72% do total. Tamén son maioría nos contratos fixos descontinuos e nos temporais, tanto a xornada completa como parcial.

A CIG considera que estas cifras demostran que as mulleres continúan tendo máis dificultades para acceder ao emprego indefinido a tempo completo e seguen ocupando maioritariamente postos máis inestables e con menor continuidade laboral. En concreto, o 70% dos contratos a tempo parcial están asinados por mulleres.

Durante a presentación do informe, Paco Sío vinculou esta realidade co incremento da conflitividade laboral e das mobilizacións nos centros de traballo e nos procesos de negociación colectiva. Segundo afirmou, “a clase traballadora ten unha necesidade perentoria de mellorar os seus salarios e condicións laborais”, xa que, segundo os datos do sindicato, o 61% das persoas traballadoras teñen “soldos de miseria” e máis dun terzo non chega ao SMI.

O responsábel sindical fixo un chamamento á mobilización social e laboral para facer fronte ao aumento das desigualdades, da precariedade e da pobreza, defendendo o conflito e a folga como ferramentas para lograr melloras salariais e laborais. Segundo sinalou, “o diálogo social é unha fraude e non soluciona os problemas da clase traballadora”.

0.39125800132751