A CIG considera esgotada a negociación estatal na seguridade privada e reclama un convenio galego de sector

A CIG considera esgotada a vía estatal de negociación colectiva no sector da seguridade privada e insta a pactar un convenio galego que dea resposta ás necesidades reais das persoas traballadoras. Así o trasladou a CIG-Servizos, que amosou o seu rexeitamento á proposta da patronal, asumida en boa parte polo resto de sindicatos.
No marco da campaña para reclamar unhas condicións laborais dignas, persoas delegadas e traballadoras mobilizáronse esta tarde en Vigo, cunha manifestación polos arredores do centro comercial Vialia Vigo. As protestas deron continuidade ás mobilizacións iniciadas a semana pasada en Santiago de Compostela.
O responsábel de seguridade privada da CIG-Servizos, Pedro Pérez, posicionouse en contra da proposta presentada pola patronal o pasado día 3 ao considerala “inasumíbel e insuficiente”, xa que non responde ás necesidades do sector nin das persoas traballadoras.
Segundo explicou, os incrementos salariais ofertados —cunha media do 4 % anual e un 16,97 % acumulado en catro anos— non compensan a perda real de poder adquisitivo dos últimos anos. Ademais, trátase dunha suba diferida no tempo, con maiores incrementos concentrados nos últimos anos do convenio, o que prolonga a precarización salarial. “A estrutura da suba, con aumentos maiores ao final do convenio, supón unha patada cara a adiante, obrigando aos cadros de persoal a financiar durante anos a estabilidade empresarial”, denunciou.
Por este motivo, a CIG mantén a súa proposta dun incremento salarial do 8 % anual para recuperar o poder adquisitivo perdido na última década e atraer profesionais ao sector. A central aposta tamén polo aumento dos pluses de nocturnidade e festividade, pola equiparación do complemento de perigosidade, pola creación de novos pluses no ámbito aeroportuario e noutros servizos de maior risco, así como por unha mellora económica para o persoal de electromecánica e operadores de CRA.
A proposta inclúe, ademais, garantir a xubilación parcial e reducir a xornada laboral. “Reclamamos fixar a xornada semanal de 35 horas sen agardar a unha suposta reforma legal e con calendarios laborais anuais entregados antes do 30 de novembro, cubrindo o 100 % dos servizos fixos e estábeis”, sinalaron desde a central.
Na xuntanza, UGT presentou unha contraoferta á proposta empresarial asumindo algúns puntos, incluído o aumento salarial, aínda que cun reparto anual distinto. Pola súa banda, CCOO e USO aceptaron a proposta da patronal e anunciaran que achegarán consideracións sobre a desconexión dixital e a xubilación parcial na próxima reunión, prevista para o 7 de xaneiro.