A CIG convoca outra folga xeral ante a suba dos prezos e a "falta de medidas" para unha vivenda digna

A central ten convocadas asembleas de persoas delegadas este xoves día 8
A CORUÑA folga vivenda
6 Oct 2026

A Confederación Intersindical Galega (CIG) decidiu hoxe convocar folga xeral en Galiza en resposta á “insoportábel” suba dos prezos que está afondar no empobrecemento da clase traballadora e á falta de medidas dos gobernos para garantir unha vivenda digna. Precisamente con este obxectivo a central sindical puxo en marcha a finais de setembro unha campaña con 10 propostas para reclamar que sexa o capital o que asuma as consecuencias da actual carestía da vida e en demanda dunha “vida digna” para a maioría social.

Por iso chama ao conxunto do tecido social e sindical á mobilización e a que se faga efectiva unha convocatoria de folga xeral na primeira semana de novembro para reclamar medidas que garantan de xeito inmediato o dereito a vivenda, a intervención nos sectores estratéxicos, a suba do SMI, unha maior protección social e o reforzo dos servizos públicos.

Dentro da campaña ‘A suba dos prezos que a pague o capital. Queremos vivir dignamente’ a CIG reclama que tanto a Xunta de Galiza como o Goberno do Estado inclúan nos orzamentos de 2027 un Plan de Choque no que se articulen unha serie de medidas para frear o deterioro das condicións de vida da clase traballadora por mor da suba xeneralizada dos prezos e para garantir o acceso a unha vivenda digna. “O medre constante e imparábel dos prezos da electricidade, dos combustíbeis, dos produtos de primeira necesidade e da vivenda está levando o pobo e as clases traballadoras á ruína; unha situación que empeora pola deterioración dos servizos públicos e o retroceso nas políticas sociais”, tal e como alertou o secretario xeral, Paulo Carril, no acto de presentación da campaña.

De igual xeito, a central sindical considera que as accións promovidas polo Goberno español en materia de vivenda e para conter a “insoportábel” alza dos prezos que ameaza con colapsar as economías das familias son “tardías, escasas e insuficientes”. Fronte a isto, defende unha maior intervención pública nos prezos e nos mercados considerados básicos, así como o reforzo dos servizos públicos e das medidas de protección económica. En canto á grave problemática da vivenda, aposta tamén pola intervención pública no mercado para limitar os prezos, evitar desafiuzamentos e aumentar a oferta de vivenda accesíbel, especialmente para as persoas con menos recursos.

AS MEDIDAS

As principais reivindicacións da CIG en materia de custo da vida e vivenda céntranse na adopción de medidas para facilitar o acceso aos produtos e servizos básicos e frear o impacto da inflación sobre as familias.

No ámbito da alimentación, a central sindical reclama o establecemento de prezos populares para os produtos básicos e prezos xustos para as persoas produtoras, así como medidas destinadas a combater a especulación e as prácticas de determinadas empresas enerxéticas e do sector do comercio alimentario.

En materia de vivenda, a CIG pide a prohibición dos desafiuzamentos e a protección das persoas que teñan dificultades para facer fronte ao pagamento do alugueiro ou da hipoteca. Tamén reclama a conxelación das rendas dos alugueiros e das subas dos xuros hipotecarios.

No que respecta á vivenda social, a organización sindical defende que as vivendas da SAREB se poñan de maneira inmediata á disposición de persoas e colectivos que as necesiten. Ademais, propón establecer límites máximos aos alugueiros dos grandes propietarios e crear un Banco Galego de Vivenda destinado ao alugueiro social.

No ámbito enerxético, a CIG aposta pola creación dunha empresa pública galega de electricidade e dunha Tarifa Eléctrica Galega, acompañadas de cambios tanto no sistema de fixación dos prezos como na composición da factura eléctrica.

Para os combustíbeis, reclama establecer un prezo máximo para a gasolina e o diésel mentres os prezos non se estabilicen. Por último, en materia de mobilidade, propón reforzar o transporte público mediante o incremento das frecuencias, a ampliación dos horarios, un maior acceso aos descontos e a extensión dos traxectos gratuítos.

0.41207599639893