A CIG de Vigo chama a participar na manifestación do 11 de novembro, que sairá da Dobrada ás 12.00

O sindicato presentou hoxe a mobilización convocada con motivo da folga xeral, que terá como lema ‘Galiza en loita por unha vida digna’
presentacion-folga-xeral-vigo
3 Nov 2026

A CIG de Vigo chamou a participar na manifestación convocada na cidade con motivo da folga xeral do vindeiro 11 de novembro. A mobilización, que será o acto central da xornada na comarca, partirá da Dobrada ás 12.00 horas baixo o lema ‘Galiza en loita por unha vida digna’.

Os detalles da convocatoria foron presentados este martes en rolda de prensa polo secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalvez, e a responsábel de Organización do sindicato na comarca, Raquel Pérez.

Gonçalvez xustificou a convocatoria da folga pola situación de «verdadeira emerxencia social» que, segundo sinalou, atravesa a clase traballadora galega. O responsábel sindical denunciou o empobrecemento dos fogares polo incremento dos prezos dos alimentos, da electricidade e dos combustíbeis, mentres os salarios continúan conxelados ou non recuperan o poder adquisitivo perdido.

O secretario comarcal tamén puxo o foco nas dificultades para acceder á vivenda e asegurou que en Vigo os alugueiros aumentaron máis dun 70 % na última década, mentres se executan unha media de catro desafiuzamentos cada semana sen que se ofreza unha alternativa habitacional. «Isto non é unha crise, é un saqueo», afirmou, ao considerar que se está a producir unha transferencia de rendas das persoas traballadoras cara ao capital, mentres grandes empresas, entidades financeiras e cadeas de distribución rexistran beneficios récord.

A CIG criticou a resposta das administracións ante esta situación. Gonçalvez cualificou de insuficientes as medidas do Goberno español e acusou a Xunta de manter unha actitude de «inacción, pasividade e complicidade absoluta co gran capital». Tamén denunciou o deterioro dos servizos públicos, especialmente da sanidade e do ensino, e rexeitou o incremento dos orzamentos militares. Neste sentido, reclamou que non se destinen máis recursos á guerra e que se empreguen para reforzar a sanidade, a educación e a atención á dependencia.

Como resposta, o sindicato reclama a aprobación urxente dun Plan de Choque que inclúa un salario mínimo interprofesional de 1.375 euros mensuais, a intervención pública de sectores estratéxicos como o enerxético e o financeiro, a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega e dunha Empresa Pública Galega de Electricidade, así como a conxelación dos alugueiros e das hipotecas e a prohibición dos desafiuzamentos. Tamén pide poñer as vivendas da SAREB a disposición social, fortalecer os servizos públicos e impulsar a negociación colectiva con cláusulas de revisión vinculadas ao IPC.

Gonçalvez subliñou que a convocatoria non pretende ser un xesto simbólico e lembrou que a CIG leva meses mobilizándose nas rúas e nas empresas. Por iso, chamou as persoas traballadoras, a mocidade, as pensionistas e o conxunto da cidadanía a secundar a folga e a participar na manifestación.

«O 11 de novembro, ás 12.00 horas, todas e todos á Dobrada en Vigo», concluíu o secretario comarcal, que apelou a converter a xornada nun paro xeral en toda Galiza e, especialmente, na comarca viguesa.

0.36844515800476