A CIG denuncia deficiencias no servizo de pediatría da área de Pontevedra-O Salnés

A CIG-Saúde de Pontevedra-O Salnés denuncia a situación na que se atopa o servizo de pediatría na Atención Primaria, especialmente no centro de saúde Virxe da Peregrina, tras anos de deterioro continuado. Dende a central sindical acusan a Xerencia de mentir cando afirma que todas as prazas están cubertas por pediatras, xa que nalgúns casos trátase de persoal médico de familia que fixo un curso de puericultura.
A federación de Saúde da CIG lamenta que esta servizo, ao igual que o conxunto da Atención Primaria, leva tempo degradándose “sen que se vexa un cambio por parte da dirección da área sanitaria, e moito menos da Consellaría de Sanidade”. Neste senso, censuran que a “escusa” da falta de profesionais está a provocar a un “todo vale” por parte da administración que está a ter consecuencias moi negativas para as traballadoras e usuarias.
Poñen como exemplo o feito de que a xerente teña respondido unha pregunta feita pola CIG na comisión de centro de Atención Primaria a respecto de se todas as prazas de pediatría estaban cubertas por pediatras asegurando que si, “cando isto non é real, polo que calou a parte que non lle conviña transmitir”.
En concreto, o responsábel do Sergas ocultou que existen prazas de especialista en pediatría que están cubertas por médicos de familia que fixeron un curso de puericultura, “que non é unha formación de pediatría”. De xeito que as crianzas atendidas por un médico puericultor non están sendo atendidas por un pediatra. “Por iso dicimos que non todo vale; non é mellor isto que non ter a ninguén, porque a falta de formación dá lugar a erros, e falando de saúde os erros xa sabemos quen os paga”.
Ao mesmo tempo, critican que o xerente tampouco dixo na comisión que unha pediatra do Virxe Peregrina se despraza un día a semana ao Hospital Provincial para prestar servizo, polo que ese día non ten consulta de Primaria e as pacientes de urxencia son asumidas polas pediatras que quedan no centro. “A isto hai que engadirlle que outras dúas profesionais que fan gardas no Provincial teñen que librar ao día seguinte, polo que novamente as profesionais que quedan no centro deben duplicar a súa xa extensa axenda”.
Igual que sucede cos pacientes que quedan despois de anular a consulta de tarde dos venres e que ten que asumir o persoal da mañá. De forma que para non ter duplicidade nas citas debido á intersubstitución, e para dar unha correcta asistencia aos pacientes, o persoal vese obrigado en moitas ocasións a prolongar a súa xornada até catro horas pola tarde.
“A conta é fácil de facer: o cadro de persoal do Virxe Peregrina está integrado por tres pediatras e un puericultor e hai unha quinta praza sen cubrir, segundo a dirección por falta de espazo. Se de catro, tres poden anular a súa consulta un día á semana, alguén pode explicar quen consulta as crianzas no Virxe Peregrina?”. En consecuencia a CIG solicitou unha xuntanza co xerente, “e agardamos toda a semana pasada para poder tratar este tema internamente, pero parece que non lle preocupaba moito buscar solucións”.
Ao tempo, dende a central sindical lembran que as gardas son voluntarias e que se poden facer sempre que non alteren o traballo ordinario do centro, polo que esixen que se concedan seguindo a normativa. Ademais demandan a cobertura desa quinta praza vacante, así como o cupo de tarde durante toda a semana. “A meta a curto prazo ten que ser contar con axendas de calidade e conseguir que a información flúa entre as distintas direccións e categorías”. Do contrario, “o único que imos ter son profesionais esgotadas e sen motivación que marcharán en canto poidan, mentres que as que queden verán deteriorada a súa saúde”.