A CIG denuncia impagos e incerteza no SAF de Redondela tras a finalización do contrato coa concesionaria

Dende a organización sindical aseguran que solicitaron hai un mes unha reunión coa Alcaldía e cos Servizos Sociais, mais afirman que aínda non recibiron resposta
mans-anciá-maior
7 Jul 2026

A CIG-Servizos denunciou a “irresponsabilidade” do Concello de Redondela na xestión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) despois de que o contrato coa empresa concesionaria Idades rematase o pasado 1 de xuño, unha situación que, segundo a central sindical, xa está a provocar os primeiros impagos de salarios ao persoal.

O sindicato explica que esta problemática xorde tras o rexeitamento no pleno municipal da prórroga dun ano proposta polo Goberno local. Como consecuencia, as persoas traballadoras continúan prestando o servizo cun contrato xa caducado. A día de hoxe, segundo a CIG, non todo o cadro de persoal, formado por 65 persoas, percibiu aínda a nómina correspondente ao mes de xuño.

Dende a organización sindical aseguran que solicitaron hai un mes unha reunión coa Alcaldía e cos Servizos Sociais para abordar o futuro do SAF, mais afirman que aínda non recibiron resposta. Por este motivo, reclaman que o Concello esclareza a situación da relación contractual coa empresa concesionaria e informe sobre o estado de elaboración dos pregos de condicións para a futura licitación do servizo.

A CIG considera que a xestión do Goberno local non pode repercutir nin nas condicións laborais do persoal nin na atención ás persoas usuarias dun servizo que cualifican de esencial. Neste sentido, advirten de que a actual situación está a xerar incerteza tanto entre as traballadoras e traballadores como entre as persoas beneficiarias do SAF.

A central sindical avanza ademais que, se a situación se prolonga no tempo, adoptará as medidas que estime oportunas para trasladar o malestar do persoal e denunciar a posible afectación na prestación do servizo. A este respecto, sinala que a responsabilidade última recae no Concello de Redondela e na súa alcaldesa, Digna Rivas.

Finalmente, a CIG agarda que o conflito se resolva canto antes e insta o Concello a asumir as súas responsabilidades na prestación do servizo. Ademais, aposta por que a administración local recupere a xestión directa do SAF, deixando de depender dunha empresa privada.

A organización sindical tamén alerta de que unha problemática semellante se está a rexistrar noutros concellos da comarca de Vigo nos que opera a empresa Idades. Segundo indica, en municipios como Bueu, Tomiño ou Covelo son habituais os atrasos no pagamento dos salarios, unha situación que xa foi denunciada pola CIG ante a Inspección de Traballo.

0.41247582435608