A CIG denuncia que a Xunta “discrimina” na carreira profesional ás traballadoras con redución de xornada por conciliación

A CIG-Administración Autonómica denuncia que a Xunta de Galicia está a discriminar as súas traballadoras que teñen reducida a xornada laboral por motivos de conciliación, ao non computar este tempo para o acceso aos diferentes graos da carreira profesional. O sindicato asegura que esta situación provoca unha “dupla penalización”, xa que as empregadas sofren tanto unha redución salarial como un atraso na súa promoción profesional.
Segundo explica a organización sindical, varias traballadoras da Administración autonómica viron denegado o recoñecemento dun grao de carreira profesional ao non acadar o tempo esixido para a súa concesión, a pesar de contar cunha antigüidade suficiente na Administración. Tras solicitar aclaracións ao departamento de Emprego Público, aseguran que se lles trasladou que o período no que estiveron en redución de xornada por conciliación non se está contabilizando, senón que unicamente se ten en conta o tempo “efectivamente traballado”.
A CIG-Administración Autonómica considera “inaceptable” esta situación e acusa a Función Pública de penalizar as empregadas públicas que exercen o seu dereito á conciliación. “A propia Función Pública discrimina na promoción profesional ás súas traballadoras por facer uso do seu dereito á conciliación, facéndoas caer na dupla penalización: redución de salario e redución na carreira profesional”, denuncia.
O sindicato cuestiona ademais os mecanismos de control e aplicación das políticas de igualdade dentro da Administración autonómica e pregunta quen supervisa que se cumpra a normativa en materia de igualdade e non discriminación. Neste sentido, tamén reclama explicacións sobre a utilidade do Plan de Igualdade da Xunta se non se garante a súa aplicación efectiva e demanda maior formación para o persoal responsable nestas materias.
A organización sindical acusa a Xunta de “hipocrisía e falta de compromiso coa igualdade” e reclama que se corrixan estas prácticas para garantir unha igualdade “real e efectiva” dentro da Administración autonómica.
A CIG advirte de que, se a situación non se corrixe, acudirá aos tribunais para denunciar á Dirección Xeral de Emprego Público e ás consellerías que non estean computando os períodos de redución de xornada, ao considerar que poderían estar vulnerando o dereito fundamental á igualdade por razón de xénero tanto no acceso á promoción profesional como no salario.
O sindicato tamén manifesta o seu desacordo con que para a carreira profesional non se computen como xornada completa os períodos de traballo cunha duración inferior á ordinaria. Defende que debería aplicarse o mesmo criterio que nos trienios, nos que, segundo sinala, a antigüidade se contabiliza como xornada completa, e lembra que existe “numerosa normativa e xurisprudencia” que avalaría esta interpretación.