A CIG denuncia que a Xunta non aplica medidas ante a crise: nin 35 horas nin máis teletraballo

O sindicato critica a falta de actuacións para reducir custos, desprazamentos e consumo enerxético do persoal público.
Xunta de Galicia
15 Apr 2026

O sector de Autonómica da CIG-Administración Pública denuncia que a Xunta de Galicia non está a adoptar medidas para facer fronte á actual crise enerxética e á carestía da vida, a pesar do impacto que estas están a ter sobre o persoal público.

Segundo sinala a central sindical, mentres outras administracións e empresas están a aplicar iniciativas para reducir o consumo enerxético e os desprazamentos, o Goberno galego “segue sen activar ningunha medida específica para o seu persoal”.

A CIG-Autonómica considera que a implantación da xornada de 35 horas permitiría reducir os desprazamentos en horario de tarde, así como o consumo enerxético en numerosos centros de traballo. Do mesmo xeito, reclama a ampliación do teletraballo, unha proposta que aseguran ter solicitado formalmente sen obter resposta.

O sindicato alerta de que o encarecemento da enerxía e dos desprazamentos está a afectar tamén ao persoal da Administración pública, polo que considera necesario adoptar medidas inmediatas para mitigar este impacto.

Ademais, critica a ausencia dun plan de mobilidade para máis de 30.000 persoas empregadas públicas da Administración xeral e dos seus entes instrumentais. Segundo a CIG, este plan debería incluír ferramentas como un concurso de traslados permanente que facilite o achegamento aos postos de traballo.

Neste contexto, a organización sindical acusa á Xunta de “facer oídos xordos” e de non asumir a súa responsabilidade nun momento que cualifican de “crítico” para reducir custos, desprazamentos e impacto ambiental.

Por iso, a CIG-Autonómica insiste na necesidade de aplicar medidas concretas como a implantación das 35 horas, a ampliación do teletraballo e a elaboración dun plan de mobilidade que permita facer fronte á crise enerxética e á subida do custo da vida.

0.34149312973022