A CIG denuncia unha nova policial desproporcionada contra unha piquete en Compostela

A central sindica insiste en reclamar a inmediata derrogación da Lei Mordaza, a cuxo abeiro se están a tramitar numerosos expedientes sancionadores
piquete-cig-compostela
21 Aug 2026

A CIG censura unha nova actuación policial desproporcionada no marco dun conflito laboral, nesta ocasión en Compostela durante un piquete informativo da xornada de folga do pasado luns no comercio de alimentación da provincia da Coruña. A compañeira agredida vén de presentar denuncia contra o axente implicado e solicitude de apertura de investigación na Subdelegación do Goberno para que se determinen as responsabilidades disciplinarias ou doutra natureza que correspondan.

A central sindical enmarca o acontecido "na actual deriva represiva e nos excesos da autoridade gobernativa, da Policía española e da Garda Civil para controlar a disidencia e silenciar a clase obreira”, polo que insiste en reclamar a inmediata derrogación da Lei Mordaza, a cuxo abeiro se están a tramitar numerosos expedientes sancionadores.

Os feitos denunciados tiveron lugar pouco antes do mediodía, cando a compañeira da CIG-Servizos se atopaba participando nun piquete no Gadis da rúa Fernando III O Santo. Nun momento varios axentes da Policía española saíron correndo detrás dunha persoa que tamén facía parte do piquete. “Eu atopábame na súa dirección, polo que o meu corpo contactou co do último dos axentes, que se volveu cara a min de xeito agresivo; tratei de afastarme, pero colleume dende atrás polo cabelo e comezou a tirar con forza, ao tempo que berraba e me arrastraba”, tal e como se recolle na denuncia. Unha vez separada do resto de integrantes do piquete foi identificada, “ameazándome tamén con que me ían denunciar por atentado contra a autoridade”.

Como consecuencia da actuación, a afectada sufriu perda de cabelo e un episodio de ansiedade derivado da situación de violencia física e da sensación de indefensión experimentada durante a intervención, tendo que recibir atención médica e prescribíndoselle medicación para tratar a ansiedade. Polo que reclama que se investigue a actuación do axente para determinar se se axustou aos principios que rexen o emprego da forza por parte dos membros das forzas policiais e, de ser o caso, se depuren as responsabilidades disciplinarias ou doutra natureza que correspondan.

A central sindical enmarca este tipo de actuacións na deriva represiva que ten un dos seus principais instrumentos na Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, máis coñecida como Lei Mordaza, aprobada polo PP hai xa 11 anos e que, malia os compromisos adquiridos, segue sen ser derrogada polo actual Executivo de PSOE-Sumar. Como a central sindical leva sinalando dende as últimas mobilizacións contra a represión, é especialmente destacable o papel do delegado de Goberno, que interpreta esta lei para procurar o maior impacto sobre o traballo sindical das centrais combativas. “Sabemos que esta é unha das ferramentas coas que se pretende desactivar o sindicalismo nacionalista, pois o nivel de persecución sufrida pola CIG non ten equivalente noutros sindicatos”.

A CIG de Compostela lembra que este tipo de prácticas son habituais na comarca nos últimos anos. “En xaneiro deste mesmo ano un compañeiro foi detido no marco da folga polo convenio de transporte en autobús da Coruña, mentres que outra compañeira foi detida en maio durante un piquete da folga do metal, sendo sobresido o seu caso unha semana despois”.

Mobilizacións nas catro provinciais

Esta "vaga represiva" ten motivado recentemente a convocatoria de mobilizacións galegas por parte da central sindical nas catro provincias para rexeitar a “abusiva” presenza e participación dos dispositivos policiais en todo tipo de manifestacións, concentracións e accións reivindicativas, nomeadamente nas de carácter laboral e social. Así como para censurar as “identificacións arbitrarias, sancións administrativas e procedementos xudiciais” cos que se que persegue “desmobilizar e ocultar” tanto a resposta social fronte ás situacións de inxustiza como a defensa dos dereitos laborais.

Neste senso, a CIG considera “absolutamente inaceptábel” que o exercicio de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión, de reunión e de manifestación sexa obxecto de persecución e censura a absoluta incapacidade e a falta de vontade política do Goberno español para cumprir coa súa promesa de derrogar esta norma. “Lonxe de avanzar na recuperación de dereitos democráticos, mantense en vigor un marco legal que permite sancionar a protesta, limitar a acción sindical e reprimir a mobilización social”.

0.32021307945251