A CIG-Ensino acusa a Xunta de levar 17 anos sen avaliar a súa política educativa

A CIG-Ensino cargou contra a política educativa do Goberno autonómico tras o debate xerado polos últimos resultados do informe PISA e denunciou que a Consellería de Educación leva 17 anos sen realizar unha avaliación integral das medidas aplicadas no ensino galego. Para o sindicato, os resultados das probas internacionais non poden analizarse de maneira illada sen revisar previamente as decisións adoptadas pola Administración educativa.
A central sindical considera que "a verdadeira avaliación do sistema educativo galego é a que fai o profesorado" e acusa a Xunta de ignorar durante anos as advertencias procedentes dos docentes, das familias e das organizacións sindicais.
Segundo a CIG-Ensino, desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta en 2009 non se levou a cabo "ningún procedemento de avaliación, revisión nin de rendición de contas" sobre a política educativa autonómica.
O sindicato cuestiona tamén o propio modelo PISA por considerar que analiza determinadas competencias e resultados, pero non avalía o funcionamento global dos sistemas educativos. Entre outros aspectos, reclama ter en conta a evolución do investimento, o gasto educativo, as ratios nas aulas, os incrementos ou recortes de profesorado, a formación dos docentes e os recursos destinados a atender a diversidade e as necesidades educativas especiais.
A CIG-Ensino sitúa entre os principais problemas que levan anos trasladando os profesionais os recortes de persoal, a privatización, a falta de medios para atender á diversidade, a perda de servizos no rural, o aumento da burocracia ou as carencias que, ao seu xuízo, presenta a formación continua promovida pola Consellería.
Especialmente crítica se mostra a organización coa dixitalización das aulas. Lembra que docentes e familias advertiron durante anos das consecuencias dun uso excesivo das pantallas e considera insuficiente que agora se fale dun "modelo híbrido" sen unha alternativa claramente definida.
O sindicato tamén reclama analizar os efectos de programas e políticas concretas desenvolvidas polo Goberno autonómico. Entre elas cita o Decreto do plurilingüismo, a impartición de materias en linguas estranxeiras, o programa Edixgal, os plans de reforzo educativo ou os recursos destinados á integración do alumnado con necesidades específicas.
Outro dos asuntos que a CIG-Ensino introduce no debate é a situación do galego nas aulas. A organización lembra que un de cada catro estudantes de 15 anos afirma non saber falar galego e considera que os problemas de comprensión lectora deben analizarse tamén tendo en conta a perda de uso da lingua propia entre o alumnado.
A central sindical rexeita, ademais, que o Executivo autonómico atribúa os malos resultados de PISA á LOMLOE e ao Goberno central. Ao seu xuízo, a Xunta dispón de amplas competencias educativas e debe asumir a súa parte de responsabilidade sobre a evolución do sistema.
A CIG-Ensino sostén que o deterioro educativo e profesional xa foi trasladado reiteradamente á Administración e lembra as mobilizacións protagonizadas polo profesorado durante o pasado curso.
Para o sindicato, calquera cambio debe partir dunha diagnose profunda e contar coa comunidade educativa. "Sen escoitar ao profesorado, ás familias e ao estudantado nada se arranxará", conclúe, reclamando á Xunta que abandone o intercambio de responsabilidades e revise as súas políticas educativas.