A CIG-Ensino cualifica de “escaso calado” a proposta do Ministerio para reformar o acceso á docencia

A CIG-Ensino cualificou de “escaso calado” o documento base presentado polo Ministerio de Educación para reformar o sistema de ingreso, acceso e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes, tras a constitución este venres do grupo de traballo encargado de negociar a modificación do Real Decreto 276/2007. As negociacións comezarán a partir do mes de setembro e, segundo se avanzou, os cambios que se acorden non afectarán ás oposicións previstas para 2027.
O sindicato participa neste grupo de traballo como organización máis representativa e anunciou que trasladará ás negociacións as demandas do profesorado galego, ademais de informar puntualmente sobre a evolución das reunións e dos documentos que se sometan a debate.
O documento presentado polo Ministerio establece catro ámbitos de actuación: a actualización dos temarios, o modelo das probas das oposicións, a fase de concurso e a fase de prácticas. Para a CIG-Ensino, porén, a proposta non introduce modificacións de fondo no sistema actual e deixa sen resolver aspectos que considera prioritarios.
No referente aos temarios, o Ministerio propón actualizar os contidos científicos, técnicos e culturais, incorporar aspectos relacionados coas didácticas específicas e incluír contidos comúns sobre o sistema educativo, os currículos competenciais, as metodoloxías didácticas, a avaliación, a acción titorial, a inclusión educativa, así como a innovación e a investigación educativa. A organización sindical considera imprescindible esta revisión ao lembrar que a maior parte dos temarios vixentes datan da década dos noventa.
En relación coas probas da oposición, o Ministerio limita os cambios a revisar o formato e os procedementos de corrección da primeira parte do exame e a adaptar o número de temas que se extraen segundo o novo contido dos temarios. No caso da segunda proba, centrada na programación e na unidade didáctica, prevese incorporar criterios vinculados ás competencias profesionais docentes, a atención á diversidade, o deseño universal para a aprendizaxe, o uso pedagóxico dos recursos dixitais, os perfís de saída e a avaliación competencial.
A CIG-Ensino defende unha reforma máis profunda desta fase para garantir a máxima obxectividade do proceso selectivo, reforzar o anonimato das probas e reducir a subxectividade na avaliación, ademais de simplificar os exercicios para adaptalos mellor ao obxectivo de seleccionar persoal docente.
No apartado da fase de concurso, o Ministerio pretende que o baremo de méritos reflicta a adquisición de competencias profesionais relacionadas coa formación, a investigación, a innovación e a práctica docente. O sindicato, pola súa banda, insiste en que a reforma debe asegurar que o sistema responda realmente ao modelo de concurso-oposición e que a experiencia e os méritos teñan un peso efectivo no resultado final.
Respecto á fase de prácticas, o Ministerio propón revisar a súa duración, as funcións das persoas implicadas na titorización e os mecanismos de avaliación co obxectivo de reforzar a súa utilidade. A CIG-Ensino considera, con todo, que esta etapa segue tendo unha escasa utilidade práctica e entende que, se non se lle dota dun contido real, carece de sentido mantela, especialmente no caso do profesorado que leva anos exercendo no sistema educativo. O sindicato tamén interpreta que o documento presentado deixa practicamente descartada a posibilidade de implantar un denominado “MIR educativo”, unha proposta que durante anos estivo presente no debate sobre o acceso á función pública docente.