A CIG-Ensino denuncia o deterioro de varios centros educativos da Mariña

O sindicato reclama actuacións urxentes da Consellaría ante as deficiencias estruturais detectadas en Burela e O Vicedo
manifestacion-CEIP-vista-alegre-Burela-ensino-2026
30 May 2026

A CIG-Ensino expresou o seu apoio ás reivindicacións das comunidades educativas do CEIP Plurilingüe Vista Alegre, do IES Perdouro, do CEIP Plurilingüe Os Castros, en Burela, e do CEIP do Vicedo, ao tempo que denunciou o “abandono” e a falta de investimento da Consellaría de Educación nestes centros públicos.

O sindicato asegura que alumnado e profesorado levan anos desenvolvendo a súa actividade en instalacións deterioradas e con importantes carencias estruturais e de mantemento que, segundo advirte, condicionan o normal funcionamento da actividade educativa e afectan á seguridade e ao benestar da comunidade escolar.

Un dos casos que a central sindical considera máis graves é o do CEIP Plurilingüe Vista Alegre de Burela. Segundo explica, o centro acumula desde hai tempo múltiples problemas sen que se executen solucións definitivas malia as reiteradas demandas realizadas pola comunidade educativa.

Entre as principais eivas detectadas figuran os problemas no peche exterior do recinto, a presenza de numerosas barreiras arquitectónicas e de accesibilidade, así como as deficiencias nos aseos e na rede de fontanería, onde se rexistran constantes fugas de auga. A isto súmase o deterioro de ventás e persianas, os danos existentes nas zonas de xogo e no patio escolar e o mal estado de pavimentos e paredes.

A CIG-Ensino tamén alerta da situación dalgúns elementos estruturais do edificio, con columnas e paredes deterioradas, filtracións de auga, goteiras e aleróns en mal estado que, segundo indica, afectan directamente ás condicións de seguridade e habitabilidade do inmoble. Ademais, lembra que a pista deportiva continúa sen cubrir, unha circunstancia que dificulta a práctica da actividade física durante boa parte do curso.

No caso do CEIP do Vicedo, o sindicato asegura que a comunidade educativa leva tempo advertindo sobre importantes problemas estruturais. Entre eles destaca o estado das ventás, o deterioro dunha parede do comedor e a presenza de pragas, posiblemente relacionadas coa couza.

A organización sindical considera que a falta de investimentos está a provocar un progresivo deterioro das instalacións, o que repercute directamente nas condicións de seguridade e saúde tanto do alumnado como do profesorado.

Pola súa parte, no IES Perdouro continúan, segundo denuncia a CIG-Ensino, os problemas vinculados á accesibilidade e ao estado xeral das instalacións. O centro carece de ascensor e de sistemas salvaescaleiras, incumprindo as condicións mínimas para garantir a mobilidade do alumnado con dificultades de desprazamento.

Ademais, o sindicato lembra que unha recente análise de prevención de riscos laborais advertiu sobre os perigos derivados das escaleiras e das baldosas esvaradías do edificio. Tamén critica que a pista deportiva siga sen cubrir nin contar cun peche perimetral adecuado, ademais das deficiencias existentes en eficiencia enerxética e nas instalacións de auga.

No CEIP Plurilingüe Os Castros, en Burela, a organización sindical denuncia filtracións no ximnasio que impiden o uso normal deste espazo educativo, así como a existencia de barreiras arquitectónicas que consideran incompatibles cun modelo de ensino público accesible e inclusivo.

Desde a CIG-Ensino insisten en que estas situacións non son casos puntuais, senón o reflexo dunha política continuada de falta de investimento na escola pública galega. O sindicato acusa á Consellaría de Educación de non atender as reclamacións das ANPAs, dos equipos directivos e do profesorado e critica que moitos dos anuncios realizados non se concreten posteriormente en actuacións reais.

A central sindical reclama un plan urxente de rehabilitación e mantemento dos centros educativos públicos galegos, con prazos claros e actuacións concretas que permitan garantir instalacións seguras, accesibles e en condicións dignas para o desenvolvemento da actividade docente.

A CIG-Ensino tamén esixe que se acometan de maneira inmediata as obras necesarias nestes centros da Mariña para evitar que continúe o deterioro das infraestruturas educativas e garantir o dereito do alumnado e do profesorado a ensinar e aprender en espazos adecuados.

0.36557197570801