A CIG-Ensino denuncia os recortes de recursos nas Escolas Oficiais de Idiomas

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación volve reservar até 400.000 euros para financiar probas de acreditación de linguas estranxeiras sen dar prioridade ás Escolas Oficiais de Idiomas (EOI). Segundo o sindicato, a resolución deste curso 2026-2027 tampouco concreta como se facilitará a participación destes centros públicos.
Ademais, a convocatoria mantén unha achega de 100 euros por estudante e proba, e deixa en mans dos centros educativos a selección das empresas ou institucións certificadoras, así como a organización e o pagamento dos exames.
Desde a CIG-Ensino consideran "inaceptábel" que se continúe financiando entidades privadas mentres se recortan profesorado, grupos e medios nas EOI, unha rede pública que leva décadas formando e certificando o coñecemento de idiomas.
O sindicato tamén denuncia a desigualdade que, ao seu xuízo, xera esta convocatoria dentro da propia rede pública. Mentres o alumnado que acode ás Escolas Oficiais de Idiomas para certificar o seu nivel debe aboar as taxas correspondentes, a convocatoria permite sufragar total ou parcialmente, con fondos públicos, os exames de entidades privadas.
Esta situación, advirte a organización sindical, favorece que o alumnado dos centros educativos que podería acudir ás EOI para certificar os seus coñecementos de idiomas opte por outras entidades certificadoras. Considera contraditorio que a Administración financie esta alternativa e, ao mesmo tempo, utilice o descenso da matrícula para xustificar recortes na rede pública, como o desmantelamento este curso de grupos de chinés na EOI de Lugo.
A CIG-Ensino lembra que leva anos denunciando esta situación. Xa en 2017 alertou da privatización da certificación de inglés do profesorado e, en abril de 2025, puxo o foco na privatización xeral das probas de acreditación de competencia lingüística en linguas estranxeiras.
Denuncia a discriminación do alumnado dos centros non plurilingües
Outra das cuestións que critica o sindicato é que a resolución volva dar preferencia ao alumnado que cursa etapas ou ciclos plurilingües, unha situación que xa denunciara o pasado curso.
A organización considera que non existe xustificación para que a posibilidade de recibir unha axuda para acreditar un idioma dependa de que o centro educativo participe ou non nun destes programas. Neste sentido, defende que o alumnado dos centros non plurilingües ten o mesmo dereito a acceder a estas probas e considera que esta condición supón unha "chantaxe encuberta" para que os centros opten por converterse en plurilingües.
A CIG-Ensino defende que se facilite a acreditación lingüística do alumnado, pero reclama que se faga contando en primeiro lugar coas Escolas Oficiais de Idiomas e sen discriminar a ninguén polo centro no que estuda.
Por último, o sindicato esixe á Consellaría que deixe de recortar recursos nas EOI e destine os fondos necesarios a ampliar a súa oferta e reforzar os seus cadros de persoal. "Se hai cartos para pagar entidades certificadoras privadas, tamén debe habelos para reforzar a rede pública", conclúe.