A CIG-Ensino esixe celeridade na aprobación do I Plan de Igualdade da Consellaría de Educación

A CIG-Ensino participou nunha nova reunión de negociación do I Plan de Igualdade da Consellaría de Educación e do Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso. Durante o encontro, o sindicato trasladou a súa preocupación pola falta de avances nas medidas do Plan de Igualdade e reclamou que se aprobe canto antes o protocolo contra o acoso, que considera unha ferramenta imprescindible para garantir a protección do persoal docente.
No relativo ao protocolo, o documento está practicamente rematado, á espera de que a Administración acepte algunhas das achegas formuladas pola CIG-Ensino, especialmente as relacionadas coa avaliación efectiva dos riscos psicosociais e coas garantías de protección do profesorado ante situacións de acoso. O sindicato insiste en que estas garantías deben incluír tamén os casos nos que as persoas responsables sexan familiares do alumnado.
A organización sindical considera urxente aprobar esta ferramenta para dar resposta a numerosas situacións nas que, na actualidade, o profesorado non atopa amparo administrativo nin legal. Como exemplo, sinala que nos últimos días, coincidindo coa aparición do fenómeno dos «curis», moitos docentes, equipos directivos e departamentos de Orientación tiveron que recorrer pola súa conta a asesoramento externo á Consellaría e mesmo ás forzas e corpos de seguridade. Esta situación prodúcese, segundo denuncia, pola ausencia dun protocolo específico de actuación ante a posible comisión de delitos que atenten contra a honra e a imaxe persoal do profesorado.
Para a CIG-Ensino, non existe ningunha xustificación para seguir atrasando un documento que xa estaba practicamente rematado durante o verán e que, finalmente, incorporou boa parte das achegas presentadas polo sindicato maioritario.
Un Plan de Igualdade sen medidas nin recursos non é un verdadeiro plan
A principal preocupación da CIG-Ensino céntrase, porén, no contido das medidas incluídas no Plan de Igualdade. Despois de máis de dous anos de negociación, o sindicato considera moi grave que o segundo borrador continúe sen incorporar actuacións correctoras para facer fronte ás desigualdades identificadas na fase de diagnose.
A organización lembra que a elaboración desta diagnose ocupou unha ducia de reunións de traballo, mentres que para a negociación das medidas só se celebraron dúas reunións, contando coa última. Esta distribución do tempo, denuncia, impediu debater e defender as máis de cen propostas presentadas pola CIG-Ensino.
As medidas formuladas pola Consellaría céntranse, por unha banda, na recollida de datos que, de levarse a cabo, poderían contribuír a elaborar unha diagnose máis completa de cara ao II Plan de Igualdade. Por outra, remiten a negociación das actuacións concretas a futuras reunións das Mesas Sectoriais. Para o sindicato, esta falta de concreción evidencia unha clara ausencia de compromiso coa igualdade retributiva, o acceso á carreira profesional, a asunción de cargos e responsabilidades ou a eliminación das penalizacións laborais derivadas dos coidados.
Desde a CIG-Ensino lembran que unha comisión negociadora dun plan de igualdade ten capacidade para propoñer e establecer cambios normativos. Ao igual que sucede no ámbito privado, onde estes plans poden incorporar melloras sobre o establecido nos convenios colectivos en materia de igualdade, permisos, licenzas, conciliación familiar e laboral ou accións positivas, na Administración pública tamén se poden promover modificacións que posteriormente se trasladen ás normas correspondentes.
Neste sentido, cuestionan a finalidade dunha comisión negociadora na que está representada a Mesa Sectorial Docente se non se permite debater e incorporar as propostas da representación maioritaria do profesorado. O sindicato considera que as medidas presentadas deben ser escoitadas e negociadas, xa que un plan que non inclúe actuacións concretas nin recursos carece de capacidade real para transformar as condicións laborais e avanzar cara á igualdade efectiva.
Outro dos aspectos que critica a organización é a decisión de remitir as cuestións relativas ao persoal substituto e interino á comisión de seguimento do acordo que regula as condicións laborais deste colectivo. A CIG-Ensino advirte de que este órgano non ten competencias negociadoras para aprobar ou introducir modificacións nas condicións de traballo, xa que a súa función se limita ao seguimento dos acordos previamente adoptados.
Máis de cen propostas para avanzar na igualdade efectiva
Durante a reunión, a CIG-Ensino expuxo diferentes medidas prácticas e concretas para cada ámbito de actuación, moitas delas sen custo económico para a Administración e sustentadas na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
Entre as propostas figura o recoñecemento, para todos os efectos, da coordinación de igualdade nos centros educativos, acompañada dunha formación específica obrigatoria dentro da xornada lectiva. Tamén reclama ampliar as medidas de protección das aspirantes embarazadas ou en período de lactación durante os procesos selectivos e establecer unha nova demarcación territorial para a cobertura de substitucións, con varias zonas en cada provincia.
No ámbito da formación, o sindicato propón que a oferta formativa se desenvolva en horario lectivo, comezando por determinados colectivos, como o funcionariado en prácticas e o persoal de bibliotecas. Ademais, solicita que se homologuen os cursos de formación permanente realizados durante as baixas derivadas do embarazo, o permiso de xestación e as licenzas por risco durante o embarazo ou a lactación.
A organización tamén defende eliminar nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) os postos de dirección de libre designación, pola importante infrarrepresentación feminina que existe nestes cargos. Así mesmo, propón habilitar a toma de posesión a distancia para as mulleres que cumpran os requisitos e desexen solicitar o permiso de xestación, desenvolver medidas de desconexión dixital e crear espazos de lactación nos centros de traballo.
En materia de conciliación, a CIG-Ensino reclama que se prioricen estes motivos na elección de quenda e que se amplíen os permisos para atender as responsabilidades familiares. Entre as medidas concretas inclúe a posibilidade de ausentarse para recoller as fillas e fillos do centro escolar cando sexan requiridos por este, así como establecer días de permiso por enfermidade sen hospitalización de fillos menores ou familiares dependentes ao cargo. Tamén solicita eximir da obriga de participación no Concurso Xeral de Traslados cando exista unha comisión de servizos por motivos de saúde dun familiar.
No relativo á protección da saúde, propón recoñecer a incapacidade temporal derivada do embarazo como unha situación de especial protección, asimilable ao permiso por nacemento, e realizar avaliacións dos riscos psicosociais nos centros de ensino.
O sindicato considera igualmente necesario eliminar todos os obstáculos que manteñan situacións de discriminación no acceso ao emprego público e no desenvolvemento da carreira profesional, fomentar a formación en igualdade de todo o persoal e establecer medidas efectivas para acabar coa discriminación retributiva, tanto directa como indirecta, entre mulleres e homes.
Finalmente, reclama facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a corresponsabilidade, sen que iso supoña un prexuízo para a promoción profesional, así como garantir a protección fronte á violencia de xénero, o acoso sexual e o acoso por razón de sexo exercidos por terceiras persoas relacionadas co ámbito laboral.
Para a CIG-Ensino, o feito de que a Administración nin sequera aceptase tomar en consideración estas propostas evidencia que o borrador actual do Plan de Igualdade é menos ambicioso ca a propia Lei 7/2023, que teoricamente debería desenvolver.
O sindicato asegura que continuará presionando para que o Plan de Igualdade se converta nunha ferramenta útil e efectiva para transformar as condicións laborais do profesorado e avanzar en dereitos. A próxima reunión será clave para comprobar se a Administración educativa está disposta a asumir compromisos reais ou se continúa adiando a aplicación das medidas necesarias para acadar unha igualdade efectiva no ensino público galego.