A CIG-Ensino rexeita o acordo coa Xunta sobre os catálogos de infantil e primaria e denuncia unha “farsa negociadora”

A CIG-Ensino cargou contra a Consellaría de Educación pola actualización dos catálogos de postos de traballo de infantil e primaria, unha negociación que o sindicato cualifica de “pseudonegociación” e que considera pechada “de costas ao profesorado”. A central nacionalista critica que, despois de 19 anos sen revisar este acordo, a administración limite os cambios á consolidación de 131 prazas de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL), a maioría delas xa ocupadas actualmente de maneira temporal nos centros educativos.
Segundo denuncia a organización sindical, a proposta presentada pola Xunta esta mesma semana será asinada este venres polos sindicatos presentes na mesa sectorial, malia que, ao seu xuízo, apenas introduce variacións respecto do documento inicial remitido pola administración. A CIG-Ensino contrapón esta situación co acordo acadado no ano 2007, que supuxera a incorporación de arredor de 1.000 docentes máis ao ensino infantil e primario galego.
O sindicato critica especialmente a forma na que se desenvolveu o proceso negociador. Segundo explica, a Consellaría presentou a súa proposta o martes e os sindicatos asinantes formularon unha contraproposta “en apenas dez minutos”, sen contrastala previamente co profesorado nin coas estruturas internas das organizacións. A central asegura que as súas achegas, elaboradas a partir das comunicacións recibidas desde os centros educativos, non foron tidas en conta.
A CIG-Ensino considera “intolerábel” o que define como unha fraude permanente nas negociacións laborais e confirma que rexeitou asinar o documento remitido pola administración. O sindicato afirma que non participará “en enganos nin en acordos que traizoen a vontade do profesorado”.
No relativo ás prazas anunciadas pola Xunta, a organización asegura que o impacto real será “moi limitado”. Segundo os seus cálculos, o incremento efectivo sería de 103 especialistas de PT e 28 de AL, aínda que boa parte destes profesionais xa desempeñan actualmente as súas funcións mediante adscricións temporais, reforzos excepcionais ou atención a alumnado con necesidades específicas.
A actualización dos catálogos afecta unicamente aos especialistas de PT e AL nos centros de educación infantil e primaria, deixando fóra outros postos docentes e tamén tipoloxías de centros como as escolas infantís, os centros de educación especial ou os colexios rurais agrupados.
A organización sindical lamenta que non se aproveitase esta negociación para abordar unha revisión global das necesidades actuais do ensino público galego, tanto en orientación como noutras especialidades docentes, e insiste en reclamar máis persoal educativo e unha redución das ratios nas aulas.
A CIG-Ensino sostén que a situación actual dos centros require unha resposta máis ampla por parte da administración e lembra que durante este curso a comunidade educativa protagonizou mobilizacións “como non se vían nos últimos 40 anos” para reclamar melloras no ensino público fronte aos recortes aplicados desde 2010.