A CIG-Ensino urxe a reformar o sistema de oposicións docentes ante o risco de que queden prazas sen cubrir

O sindicato alerta de que esta situación dificulta a redución da elevada temporalidade existente no ensino público e pode afectar ao funcionamento do sistema educativo
Viveiro-aula-estudo-Claustros-de-San-Francisco-2025
9 Jul 2026

A CIG-Ensino reclamou ao Ministerio de Educación que aborde de maneira inmediata a reforma do sistema de oposicións docentes e advertiu de que este ano volverá rexistrarse unha elevada taxa de prazas desertas nos procesos selectivos. A petición foi trasladada pola secretaria nacional do sindicato, Laura Arroxo, durante a reunión da Mesa Sectorial na que se analizou o proxecto de Orde Ministerial que aprobará o novo temario da fase de oposición para o acceso ao corpo de Inspección Educativa.

Desde a organización sindical consideran que, tras a recente aprobación do Real Decreto 68/2026 que regula a inspección educativa e coa actualización do temario para este corpo, é necesario acometer tamén unha reforma profunda do Real Decreto 276/2007, que regula o ingreso e acceso ao resto dos corpos docentes, así como actualizar os temarios actualmente vixentes.

A CIG-Ensino expresou a súa preocupación polos resultados das oposicións deste ano. Segundo os datos que está a recibir das persoas opositoras en Galicia tras a publicación das cualificacións da primeira fase, numerosas prazas poderían quedar sen cubrir. O sindicato alerta de que esta situación dificulta a redución da elevada temporalidade existente no ensino público e pode afectar ao funcionamento do sistema educativo, especialmente en especialidades nas que xa resulta complicado atopar profesorado para realizar substitucións.

Durante a reunión, Laura Arroxo tamén preguntou polo calendario do grupo de traballo encargado de analizar a redución das ratios en Educación Infantil e Bacharelato. A representante sindical lembrou que estaba prevista unha nova reunión este mes e solicitou que o real decreto que regulará estas cuestións sexa tramitado pola vía de urxencia para garantir que poida entrar en vigor durante a actual lexislatura.

En relación coa nova orde ministerial para o acceso á Inspección Educativa, a CIG-Ensino sinalou que o texto non introduce cambios substanciais respecto da normativa vixente, aínda que incorpora actualizacións de conceptos, novos contidos e unha reorganización dos epígrafes por áreas temáticas para adaptarse ao novo modelo de oposicións. A norma substituirá á actual Orde EDU/3429/2009 unha vez sexa publicada.

O proxecto será previsiblemente analizado polo Consello Escolar do Estado o próximo 23 de xullo e a súa publicación está prevista para o mes de setembro.

O novo sistema de acceso ao corpo de Inspección Educativa, regulado polo Real Decreto 68/2026, establece un procedemento selectivo dividido en tres fases: oposición, concurso e prácticas. Pola súa banda, a fase de oposición constará de tres probas eliminatorias valoradas de 0 a 10 puntos.

A primeira consistirá na resposta por escrito a un cuestionario de entre 20 e 30 preguntas de desenvolvemento breve sobre a parte A do temario. A segunda será unha proba práctica baseada na análise de supostos relacionados coas funcións inspectoras, que poderá incluír a elaboración dun informe e a súa lectura ante o tribunal. A terceira proba consistirá na exposición oral dun tema da parte B do temario elixido entre dous extraídos por sorteo.

A cualificación final da fase de oposición calcularase ponderando un 30 % a primeira proba, un 40 % a segunda e un 30 % a terceira, sendo necesario obter polo menos cinco puntos en cada unha delas para poder optar a unha praza.

0.27462077140808