A CIG esixe á Xunta a entrega inmediata das medicións de gas radon nos xulgados

Persoas delegadas do sector de Xustiza da CIG-Administración mobilizáronse hoxe diante da Audiencia Provincial de Pontevedra
protesta-radon-pontevedra-xulgados
7 Oct 2026

O sector de Xustiza da CIG-Administración desenvolveu este mediodía unha concentración ás portas da Audiencia Provincial de Pontevedra para denunciar a falta de información e a demora “inxustificábel” na comunicación das medicións de gas radon realizadas nos edificios xudiciais por parte da Xunta. A central esíxelle á Dirección Xeral de Xustiza a entrega inmediata dos resultados ao tratarse dunha información preventiva que afecta directamente a seguridade e a saúde das persoas traballadoras.

Dende a CIG-Xustiza lembran que o 10 de setembro de 2024 foille trasladado ás organizacións sindicais o organigrama inicial das medicións que se ían realizar nos edificios xudiciais de Galiza (dúas avaliacións de edificios xudiciais por cada provincia galega), programación que foi ampliada posteriormente a máis edificios xudiciais.

No caso da Audiencia Provincial de Pontevedra e do Tribunal de Instancia de Marín, os detectores foron colocados inicialmente o 11 de setembro de 2024. Segundo a información trasladada, os detectores permaneceron instalados durante aproximadamente tres meses, sendo finalmente retirados en marzo de 2025. “Desde entón estamos á espera de coñecer os resultados destas medicións”, sinalan dende a CIG.

Polo que consideran “inadmisíbel” que máis de dous anos despois da retirada dos detectores as persoas traballadoras da Administración de Xustiza sigan sen coñecer os resultados das medicións realizadas nos seus propios centros de traballo. “Estamos a falar dunha cuestión directamente relacionada coa prevención de riscos laborais e coa protección da saúde. De xeito que a información preventiva non pode permanecer meses e meses nun caixón nin estar sometida a trámites interminábeis, mentres o persoal continúa desenvolvendo a súa actividade nos mesmos edificios”.

A situación resulta aínda máis preocupante cando se ten constancia de que se están dando instrucións nos edificios xudiciais de que se ventilen as dependencias, “co que intuímos a existencia duns niveis elevados de radon”. Esta situación, e tendo en conta ademais que houbo algúns casos de cancro de pulmón na Audiencia Provincial de Pontevedra, está provocar unha certa alarma,” aínda que non existe neste momento información que permita establecer esa relación causal”.

Con todo, ao tratarse dunha cuestión que pode afectar a saúde das persoas traballadoras, “consideramos imprescindíbel aplicar o principio de prevención: ante un posible risco, hai que medir, informar e actuar”. En consecuencia, esíxenlle publicamente á Dirección Xeral de Xustiza que entregue, sen máis dilación, os resultados das medicións de radon e que adopte todas as medidas preventivas que sexan necesarias para protexer a saúde das persoas traballadoras. “Desde a CIG imos seguir reclamando transparencia, prevención e garantías para todo o persoal da Administración de Xustiza. Porque cando está en xogo a saúde laboral non caben escusas, atrasos nin silencio administrativo: hai que informar e hai que actuar”.

0.350417137146