A CIG esixe explicacións a Mercadona pola redución de emprego tras a implantación do modelo Tenda 9

A central xa advertira das consecuencias que ía ter para o cadro de persoal
protesta-mercadona-vigo
30 Sep 2026

A CIG-Servizos esíxelle á dirección de Mercadona que dea explicacións pola redución de postos de traballo e os cambios de centro que se están a propoñer a raíz da implantación do novo modelo ‘Tenda 9’. A central sindical xa advertira, antes da posta en marcha do T9, das consecuencias que podería ter para os cadros de persoal da compañía de alimentación en todo o país.

Dende a CIG censuran que a empresa pretende presentar como voluntarios traslados e redución de xornadas que poden acabar sendo impostos, ao tempo que reclaman o mantemento dos postos de traballo. Neste senso, sinalan que os desprazamentos inxustificados e os despedimentos executados no supermercado da Gándara, en Ferrolterra, foron a antesala dun modelo baseado en menos persoal, menor custo empresarial e un empeoramento das condicións laborais. “A empresa está ofrecendo reducións de xornadas e traslados de centro de traballo que presenta como voluntarios, xustificándoos cun suposto exceso de persoal”, indica a secretaria da sección sindical da CIG en Mercadona na provincia de Pontevedra, Verónica Pérez.

Ao mesmo tempo, lamenta que Mercadona continúe sen reunirse coa representación legal das persoas traballadoras, malia as reiteradas demandas da central sindical. “Esta falta de diálogo impide abordar de maneira colectiva as consecuencias da reorganización e dos cambios que está a aplicar a empresa”, critica Pérez.

Para a CIG-Servizos, estas decisións da compañía teñen que analizarse no contexto dun modelo que está a reducir custos mentres mantén unha importante carga de traballo nos centros. “O persoal continúa asumindo tarefas indispensábeis; non é voluntariado, é coacción, xa que non se pode presentar como voluntaria unha medida cando existe a ameaza de aplicala de maneira forzosa se non se acada o número de persoas necesario”.

A central sindical considera inaceptábel que se xogue coas condicións laborais do persoal e que se pretenda presentar como solución unha medida que pode supoñer un claro prexuízo para as persoas traballadoras. “O problema non é a falta de traballo, xa que o propio persoal está a facer fronte a unha elevada carga laboral; ante esta situación, a resposta da empresa está a ser o recorte e o movemento de persoal”.

Principais demandas da CIG

Por todo isto, a CIG reclama o mantemento dos postos de traballo; o respecto polas condicións laborais do persoal; o fin das presións e das medidas de traslado impostas unilateralmente; reunións inmediatas coa representación legal das persoas traballadoras; información e negociación colectiva sobre as consecuencias da implantación do modelo T9; e que ningún traslado sexa presentado como voluntario baixo a ameaza dunha posterior imposición.

Ademais, a central fai un chamamento ao persoal para que, ante calquera comunicación de traslado, presión ou intento de imposición, se poña en contacto coa representación sindical. “Recomendamos expresamente non asinar ningún documento de maneira individual sen consultalo previamente. A forza do persoal está na organización e na defensa colectiva dos dereitos laborais”.

Finalmente, dende a CIG anuncian que seguirán a denunciar os recortes de persoal e a esixirlle a Mercadona que respecte os dereitos das persoas traballadoras e abra un proceso de diálogo e negociación reais coa representación legal das persoas traballadoras.

0.33630990982056