A CIG lanza a campaña para pedir un plan de choque para frear o empobrecemento da clase traballadora

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, presentou esta mañá a campaña que desenvolverá a central sindical nos vindeiros meses, baixo o lema “A suba dos prezos que a pague o capital. Queremos vivir dignamente”. A CIG reclama que a Xunta de Galiza inclúa, nos orzamentos de 2027, un Plan de Choque no que se articulen toda unha serie de medidas para frear o deterioro das condicións de vida da clase traballadora por mor da suba xeneralizada dos prezos e anuncia a convocatoria de asembleas de delegados e delegadas o día 8 de outubro e mobilizacións nas cidades o 1 de decembro.
Na rolda de prensa Carril alertou de que o medre constante e imparábel dos prezos da electricidade, dos combustíbeis, dos produtos de primeira necesidade e da vivenda está “levando á ruína o pobo e as clases traballadoras”. Unha situación que empeora pola deterioración dos servizos públicos e o retroceso nas políticas sociais.
Subas descontroladas, agravadas pola seca, que atribuíu ás guerras imperialistas e á ofensiva belicista dos EEUU coa “obediencia da UE e o entreguismo do Estado español”. Unha “perigosa” deriva militarista que, denunciou “está a aumentar escandalosamente o gasto militar dos Estados e o criminal papel da OTAN”.
Neste contexto Carril subliñou que a inflación, que en Galiza foi a segunda máis elevada do estado no mes de agosto, está incrementando as débedas das familias. Un encarecemento da vida que, denunciou, “vén multiplicar os efectos negativos das precarias modalidades de contratación impostas polas sucesivas reformas laborais -a tempo parcial, fixa-descontinua, ETT...- que impiden ter condicións laborais e salariais estábeis e con dereitos”.
O secretario xeral da CIG contrastou esta situación co enriquecemento imparábel das empresas do IBEX, que están obtendo “beneficios astronómicos”. Unha realidade fronte á que denunciou a inacción dos gobernos que, dixo, “demostran pouca vontade para darlle solución a esta crúa situación que padecemos a maioría social”.
Por iso, fronte o lamento, chamou a reaccionar e a mobilizarse ante os gobernos e a patronal porque “pretenden que a clase traballadora galega pague, máis unha vez, esta nova crise, como pasou coas anteriores”.
Medidas
Para a CIG a primeira medida pasa por que se paralice o incremento dos gastos militares e que os cartos se destinen a protección social, servizos públicos e un sistema público galego de atención ás persoas.
A CIG reclama, ademais, a intervención pública nos sectores estratéxicos, entre os que Carril apuntou o financeiro, o enerxético, a alimentación, vivenda e mobilidade, para garantir uns mínimos de benestar social.
A central sindical exixe que se fixe nos 1.374 euros mensuais o SMI, con carácter retroactivo desde o 1 de xullo deste ano, para cumprir xa a Carta Social Europea e que se garanta o carácter non compensable nin absorbible de ningún dos complementos salariais. A este respecto, Carril reclamou que se aprobe a descentralización do Salario Mínimo Interprofesional “para que en Galiza teñamos competencia para mellorar o estatal”.
O secretario xeral da CIG defendeu o dereito á negociación colectiva para que se garanta o poder adquisitivo dos salarios e as cláusulas de revisión salarial conforme o IPC, garantindo a prevalencia dos convenios galegos fronte os estatais.
A CIG considera esencial que os gobernos fixen por lei prezos populares en produtos básicos de alimentación e prezos xustos para quen os produce. Por iso, Paulo Carril demandou “actuacións contra quen especula nos mercados, contra as empresas enerxéticas e do comercio de alimentación”.
Diante da situación na que se atopa a vivenda, cos prezos disparados, a central sindical exixe que se prohiban os desafiuzamentos, que se conxelen as cláusulas das rendas dos alugueiros e que non se apliquen as subas de xuros ás hipotecas.
Isto xunto cun plan de acción que poña a disposición inmediata todas as vivendas da SAREB para os sectores sociais máis necesitados e á Intervención do mercado da vivenda “fixando os prezos máximos de alugueiro acordes co salario medio do lugar,” que obrigatoriamente deberán cumprir os grandes posuidores, ademais da creación dun Banco Galego de Vivenda para alugueiro social.
Empresa pública galega de electricidade
A CIG reclama que se garanta a enerxía ao servizo do pobo e que se cree, para iso, unha empresa pública galega de electricidade, que se aprobe unha Tarifa Eléctrica Galega, abaratando a factura da electricidade e que se reforme o marco legal para limpar da factura os cargos que non teñan relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, eliminado o mercado marxinalista, cambiando o sistema de fixación de prezos e desvinculando os prezos de electricidade e gas.
A central sindical considera imprescindíbel que o goberno fixe un prezo máximo de gasolina e diésel mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta, tomando como base o prezo medio nas gasolineiras a 24 de febreiro de 2022.
Canda isto, demanda o reforzo dos servizos de mobilidade, aumentando as frecuencias e ampliando os horarios, para facilitar os desprazamentos, reducindo as exixencias para o acceso a maiores descontos e ampliando os traxectos gratuítos.