A CIG lanza unha campaña contra o discurso sobre o absentismo e convoca mobilizacións o 16 de abril

O sindicato denuncia que se está a criminalizar ás persoas traballadoras e sinala que o absentismo é consecuencia das condicións laborais e do sistema sanitario.
CIG
14 Apr 2026

A Confederación Intersindical Galega (CIG) puxo en marcha unha campaña informativa e de mobilizacións baixo o lema “O absentismo non é un problema, é un síntoma”, coa que pretende desmontar o discurso da Xunta e da patronal sobre as baixas laborais.

A central sindical denuncia que se está a responsabilizar á clase traballadora do absentismo, criminalizando as ausencias por enfermidade e cuestionando as prescricións médicas. Neste sentido, critica que o Goberno galego estea a presentar o absentismo como unha fraude, “negando a saúde como un dereito e convertendo a enfermidade nun delito”.

No marco desta campaña, a CIG convocou mobilizacións para o vindeiro 16 de abril diante de edificios administrativos da Xunta en máis dunha ducia de cidades e vilas galegas, que estarán precedidas por asembleas de delegadas e delegados.

O sindicato sostén que o absentismo non é a causa, senón a consecuencia dun modelo laboral e social que deteriora a saúde das persoas traballadoras. Entre os factores que sinala están o envellecemento da poboación activa, o atraso da idade de xubilación, as xornadas laborais prolongadas e a precariedade.

Segundo os datos achegados pola organización, unha de cada catro persoas traballadoras en Galicia ten máis de 55 anos, o que implica un maior desgaste físico e dificultade de recuperación.

A CIG tamén apunta ao deterioro do sistema sanitario público como un elemento clave, destacando o aumento das listas de agarda para consultas e intervencións, o que prolonga os períodos de baixa. Neste contexto, denuncian que en Galicia a duración media das baixas por continxencias comúns é superior á media estatal.

Ademais, critican o incremento da carga de traballo e da produtividade, que, segundo indican, se traduce nun maior desgaste físico e mental. Tamén alertan de que moitas doenzas de orixe laboral non son recoñecidas como profesionais.

A central sindical considera que o discurso da Xunta e da patronal busca xustificar recortes de dereitos e avanzar na privatización da sanidade, especialmente mediante o reforzo do papel das mutuas.

Por último, a CIG reclama medidas estruturais como a mellora da sanidade pública, a redución da xornada laboral e o adianto da idade de xubilación para abordar as causas reais do absentismo.

0.28877091407776