A CIG leva a Inspección supostas presións de Gadis ante a folga no comercio de alimentación

A CIG presentou, xunto con outros sindicatos, unha denuncia ante a Inspección de Traballo da Coruña contra Mercartabria e Gadis Retail, pertencentes ao grupo Gadis, polas actuacións que, segundo a central, a empresa estaría a desenvolver nos seus centros de traballo da provincia ante a folga convocada para este venres, 29 de maio, no sector do comercio de alimentación.
A organización sindical sostén que a compañía puxo en marcha unha serie de medidas orientadas a desincentivar a participación do persoal no paro, convocado pola falta de avances na negociación do convenio colectivo. A CIG asegura que estas actuacións se produciron tanto no almacén loxístico como nas tendas.
Segundo a denuncia sindical, a empresa distribuíu información interna e enviou mandos intermedios e persoal de responsabilidade aos centros para realizar charlas coas traballadoras e traballadores. A CIG afirma que neses encontros se trasladou unha visión alarmista sobre a convocatoria, se puxo en dúbida a súa legalidade e se fixeron advertencias sobre o malestar da empresa coa participación na folga.
A central tamén denuncia que se preguntou de maneira individual ao persoal se tiña intención de secundar o paro. O sindicato lembra que as persoas traballadoras non están obrigadas a comunicar previamente se van exercer o seu dereito á folga e considera que esta práctica podería supoñer unha forma de presión.
Outro dos puntos incluídos na denuncia fai referencia a supostos cambios organizativos. A CIG asegura que Gadis modificou pedidos, rutas de camións e días de recepción de mercadoría nas tendas co obxectivo de reducir os efectos do paro. No caso do almacén, a central afirma que se solicitaron horas extraordinarias para adiantar traballo e reorganizar a distribución antes da xornada de folga.
O sindicato tamén apunta á instalación de cámaras de vixilancia nas entradas dalgúns establecementos e á contratación de persoal de seguridade para a xornada do venres. A CIG interpreta estas decisións como parte dunha estratexia destinada a crear un clima de presión arredor da convocatoria.
A denuncia inclúe ademais a retirada de información sindical dos taboleiros dos centros e a colocación de carteis contrarios á folga. Para a central, estas prácticas vulneran o dereito fundamental á folga e poderían encaixar no que cualifica como manobras de esquirolaxe e coacción.
A CIG reclama á empresa que cese este tipo de actuacións e pide á Inspección de Traballo que interveña para garantir que o persoal poida exercer libremente o seu dereito á folga. A central vincula a convocatoria coas demandas do persoal do comercio de alimentación, un sector no que denuncia baixos salarios, contratos parciais, sobrecarga laboral e dificultades para conciliar.