A CIG reclama a convocatoria urxente da mesa do convenio estatal de elaborados do mar

A central sindical critica a falta de información sobre o estado do proceso e denuncia “pasotismo, ocultismo e desprezo” cara ao sector por parte das organizacións sindicais estatais e da patronal
Conxemar
18 May 2026

A FGAMT-CIG urxiu a convocatoria inmediata da mesa de negociación do convenio colectivo estatal de elaborados do mar ao denunciar que, máis dun mes despois de rematar as conversas cun preacordo entre CCOO, UGT e a patronal, o texto continúa sen ser asinado.

A central sindical critica a falta de información sobre o estado do proceso e denuncia “pasotismo, ocultismo e desprezo” cara ao sector por parte das organizacións sindicais estatais e da patronal.

Desde a CIG lembran que as negociacións remataron o pasado 10 de marzo e aseguran que desde aquela non tiveron constancia de ningunha convocatoria para proceder á sinatura oficial do acordo acadado entre as partes.

A FGAMT-CIG considera que esta situación supón un novo “despropósito” dentro dun proceso negociador que, ao seu xuízo, xa viña marcado pola falta de avances reais para o persoal. A central lembra que en xuño do ano pasado CCOO e UGT asinaron un acordo económico co obxectivo de desmobilizar o sector, pero sostén que aquel pacto non implicou melloras salariais significativas nin avances en dereitos laborais.

Segundo explica a organización sindical, naquela altura tamén se acordara celebrar unha nova xuntanza no mes de outubro, aínda que finalmente non se produciu ata decembro. A CIG asegura que esa reunión tivo lugar debido á presión exercida pola propia central para acelerar os contactos.

A partir dese momento, denuncian que as seguintes reunións foron un “paripé” e unha “perda de tempo”, sen avances destacados ata o pasado 3 de marzo, cando, segundo afirman, “en media hora chegaron a un acordo”.

A CIG censura duramente o contido dese preacordo, ao considerar que mantén a precariedade laboral no sector. Entre outras cuestións, critican que o persoal quede vinculado ao convenio durante cinco anos sen melloras substanciais, cunhas subas salariais que consideran insuficientes fronte ao incremento do custo da vida.

Tamén reprochan que non se modifique a clasificación profesional, que non se limite de maneira efectiva a subcontratación e que non exista unha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC. Ademais, lamentan que non se incorporase unha terceira paga, que a redución de xornada sexa de apenas oito horas en cinco anos e que o incremento do plus de refrixerado sexa inferior a un euro diario.

Desde a central sindical conclúen que ao preacordo “fáltalle ambición” e consideran que as partes implicadas están actuando con “desleixo” cara ao sector. Por iso, reclaman a convocatoria inmediata da mesa de negociación para aclarar a situación actual do convenio e os motivos do atraso na súa sinatura.

0.336580991745