A CIG reclama eliminar trabas burocráticas na prestación por coidado de menores con enfermidades graves

Presenta alegacións ao Real Decreto para que ningunha familia vexa limitado o acceso ao subsidio e asegurar unha atención adecuada a menores que precisan coidados
neno-enfermo-enfermidade-recurso
23 Jun 2026

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de presentar alegacións ao proxecto de Real Decreto que regula a prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave, co obxectivo de evitar que a nova norma introduza restricións, cargas burocráticas ou discriminacións que dificulten o acceso e mantemento dun dereito fundamental para as familias que atravesan situacións de especial vulnerabilidade.

A CIG considera que se deben eliminar todos aqueles requisitos que poidan dificultar o acceso ou a continuidade dunha prestación que ten como finalidade garantir a protección das familias con menores afectados por cancro ou outras enfermidades graves.

Por iso entende que a norma debe reforzar, e non limitar, a cobertura social destas situacións, asegurando que ningunha familia vexa comprometida a atención que precisan os seus fillos e fillas por mor de trabas burocráticas, interpretacións restritivas ou desigualdades de trato.

Así, na primeira das alegacións, sinala a redacción confusa e contraditoria no referido ao tratamento das recaídas da mesma enfermidade, ao introducir requisitos que poden dar lugar a interpretacións restritivas. Fronte a iso propón esta formulación:

“Cando exista recaída da persoa causante polo cancro ou a mesma enfermidade grave non será necesario un novo ingreso hospitalario, debendo acreditarse mediante declaración médica a continuidade do tratamento e a necesidade de coidado directo, continuo e permanente, así como a persistencia dunha situación de ingreso hospitalario de longa duración ou de algunha das situacións asimiladas previstas no artigo 6”.

Prórrogas do subsidio

No relativo ás prórrogas do subsidio, a CIG rexeita que se exixa exclusivamente un informe do persoal facultativo especialista do servizo público de saúde para acreditar a continuidade da necesidade de coidados.

Considera que esta medida supón unha barreira administrativa para as familias, “xa que o acceso ás consultas hospitalarias especializadas resulta extremadamente difícil e os tempos de agarda fanse imposibles, en moitos casos, para obter unha cita coincidente cos períodos de revisión de catro, seis ou oito meses previstos na propia norma”.

Por iso, reclama manter o sistema actual, permitindo que a acreditación poida realizarse polo persoal médico responsable da asistencia sanitaria da persoa menor.

Tamén se opón á incorporación dun informe bienal da Inspección Médica do Servizo Público de Saúde, porque esta nova obriga engade unha carga administrativa adicional sen xustificación e “allea á realidade asistencial dos servizos públicos de saúde”.

Denuncia ademais que deste xeito trasládanse ás familias “as consecuencias das carencias estruturais do sistema sanitario” e, o que é máis grave, xera “inseguridade e un grave prexuízo económico para quen xa se atopan en situación de especial vulnerabilidade”.

Para evitar estas situacións reclama a supresión do requisito dese informe bienal e que se manteña o actual sistema de control e seguimento.

Outro dos aspectos cuestionados é a regulación das situacións asimiladas ao ingreso hospitalario. A CIG alerta de que a nova redacción pode limitar o acceso á prestación en supostos de coidados domiciliarios que exixen dedicación continuada intensiva, ao establecer criterios excesivamente ríxidos vencellados á existencia de terapias especializadas, tratamentos complexos ou vixilancia clínica constante “que non abranguen a totalidade das situacións reais de dependencia e necesidade de coidados continuados que presentan moitos menores afectados por enfermidades graves”.

A CIG entende que “a evolución do modelo asistencial cara unha atención cada vez máis domiciliaria non pode traducirse nunha redución da protección social das familias nin na interpretación máis restritiva do dereito ao subsidio, senón precisamente nunha adaptación da norma ás novas formas de atención sanitaria e coidados prolongados no domicilio”.

A central sindical demanda ademais a equiparación efectiva das condicións de goce da redución de xornada para o persoal funcionario e estatutario. Denuncia que a existencia de regulacións diferenciadas está a provocar desigualdades e requisitos distintos para persoas traballadoras que afrontan idénticas necesidades de coidado, polo que solicita as modificacións normativas e a coordinación necesarias para garantir unha protección homoxénea.

Finalmente, a CIG considera imprescindible que o cálculo da prestación tome como referencia a base de cotización correspondente á xornada completa, mesmo cando a persoa beneficiaria tivese recoñecida con anterioridade unha redución de xornada. Entende que a súa regulación “debe garantir expresamente que o exercicio previo de dereitos de conciliación e coidado, así como, de protección nos casos de vítimas de violencia de xénero, non poida prexudicar economicamente ás persoas beneficiarias do subsidio por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave”.

Para a central sindical o exercicio destes dereitos non pode traducirse nunha diminución da protección social, nin nunha penalización económica para quen xa asumira responsabilidades de coidado con anterioridade.

0.33244705200195