A CIG reclama máis persoal na Seguridade Social de Pontevedra e o fin da cita previa obrigatoria

A federación de Administración Pública da Confederación Intersindical Galega concentrouse este mércores diante da sede da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Pontevedra para reclamar máis persoal funcionario e garantir unha atención presencial á cidadanía.
A mobilización serviu tamén para reclamar a eliminación da cita previa obrigatoria como única vía de acceso aos servizos da Seguridade Social. A central sindical defende un modelo de Administración “de portas abertas” que permita unha atención directa e accesible para todas as persoas usuarias.
Durante a protesta, o responsábel de Seguridade Social da CIG, Daniel López, deu lectura a un comunicado no que denunciou que o actual sistema de atención “levanta un muro invisíbel pero infranqueábel” para moitas persoas. Segundo explicou, a cita concertada, que inicialmente se implantou como unha medida excepcional, converteuse nun mecanismo que dificulta o acceso á atención pública, especialmente para persoas maiores ou colectivos vulnerábeis.
A central sindical advertiu tamén das consecuencias que esta situación ten en servizos especialmente sensibles como a Unidade de Recadación Executiva, encargada de xestionar embargos por débedas coa Seguridade Social. Segundo indicaron, moitas persoas atopan dificultades para resolver situacións urxentes debido ás barreiras tecnolóxicas ou aos prazos para conseguir unha cita.
Dende a CIG quixeron subliñar que o persoal da Seguridade Social non é responsábel desta situación, senón que tamén sofre as consecuencias da falta de recursos. Segundo sinalaron, existen numerosas vacantes sen cubrir, o que provoca sobrecarga de traballo e limita a capacidade de ofrecer unha atención adecuada á cidadanía.
Por iso, a central sindical reclama a cobertura inmediata de todas as prazas vacantes, a eliminación da cita previa obrigatoria e a recuperación dun modelo de atención presencial “directa e humana”.
Finalmente, advertiron de que non se pode permitir que unha parte da cidadanía quede excluída dos servizos públicos por non poder utilizar ferramentas dixitais. “A Seguridade Social é patrimonio da clase traballadora e non imos quedar de brazos cruzados mentres se desmantela”, concluíron.