A CIG reclama unha xestión integral dos servizos de emerxencias en Galicia

A CIG presentou esta mañá a súa proposta de modelo de xestión integral das emerxencias en Galicia. A central sindical defende a necesidade de rematar coa improvisación das administracións na xestión deste servizo esencial e de poñer fin ás desigualdades existentes entre as traballadoras e traballadores dos distintos servizos de emerxencias do país.
Na comparecencia, na que participaron Luís Carballo, secretario nacional da CIG-Administración Pública, e Juan Carlos Rodríguez, secretario nacional do sector da Administración Local, demandáronse medidas inmediatas da Xunta de Galiza para coordinar os servizos de emerxencias.
A CIG considera especialmente urxente avanzar nesta cuestión nun momento no que os profesionais dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais están reclamando melloras organizativas para afrontar a prevención de incendios de cara ao verán.
Entre as principais propostas presentadas pola central sindical figura a creación dun ente único autonómico, a Axencia Galega de Emerxencias Integradas, dependente da Xunta de Galiza. Este organismo permitiría integrar funcionalmente e coordinar o 112, os Grupos de Emerxencias Supramunicipais, os Consorcios de Bombeiros e os servizos de Protección Civil.
Segundo explicaron, todos estes servizos deberían coordinarse mediante protocolos homoxéneos de intervención e mobilización a través do 112, reforzado como centro de coordinación e mando único na xestión das emerxencias.
Outra das medidas propostas pasa pola creación e desenvolvemento dun Estatuto Profesional propio, único e unificado para o persoal de emerxencias, co obxectivo de rematar coas desigualdades laborais existentes no sector. Este estatuto común incluiría unha carreira profesional unificada, o recoñecemento da segunda actividade e da xubilación anticipada. Ademais, os distintos servizos e o seu persoal actual integraríanse progresivamente neste novo marco común.
A organización sindical tamén propón desenvolver a Escola Galega de Emerxencias cunha oferta formativa integral para todo o sistema, que permita avanzar na homologación de categorías e especialidades profesionais.
Por último, a CIG reclama blindar a xestión das emerxencias como un servizo esencial, garantindo o seu financiamento por lei mediante un fondo finalista e plurianual con cargo aos orzamentos da Xunta e coa participación das deputacións e dos concellos.