A CIG-Saúde de Vigo denuncia a falta de persoal médico nos PAC da área sanitaria

A situación provocou demoras de máis de catro horas na atención e podería agravarse coa resolución da OPE, segundo advirte o sindicato
Cig Galicia
Actualizada el 8 enero 2026, 14:48 horas
7 Jan 2026

A CIG-Saúde de Vigo denunciou a grave falta de persoal médico que se está a producir en varios Puntos de Atención Continuada (PAC) da área sanitaria, unha situación que xa provocou demoras superiores ás catro horas na atención aos doentes.

Segundo explicou a central sindical, o pasado 31 de decembro produciuse un descuberto no PAC da Guarda, ao que se sumou outro o venres 2 de xaneiro no PAC de Vigo, e un máis o domingo en Cangas. Estes episodios están a producirse en datas de elevada presión asistencial, coincidindo cos festivos, o peche dos centros de saúde e o uso de permisos por parte do persoal.

Desde a CIG-Saúde sinalan que esta situación está a provocar a derivación de pacientes en quenda de tarde, o que supón unha maior sobrecarga dos dispositivos de urxencias de Atención Primaria. Nalgúns centros, segundo denuncian, superáronse os 80 doentes por cada facultativo ou facultativa.

Como consecuencia directa desta falta de profesionais, rexistráronse demoras de máis de catro horas na atención sanitaria, o que xerou unha fonda preocupación entre o persoal e os usuarios dos servizos.

O sindicato advirte tamén de que a situación podería verse aínda máis agravada coa resolución da Oferta Pública de Emprego (OPE), xa que suporá unha perda adicional de profesionais na área sanitaria de Vigo.

Ante este escenario, a CIG-Saúde alerta da gravidade de non garantir as coberturas ao 100% nos PAC en períodos de máxima demanda, especialmente no contexto actual de incremento dos procesos respiratorios, e reclama medidas urxentes para reforzar o persoal e asegurar unha atención sanitaria digna e segura.

⚙ Configurar cookies
0.38292789459229