A CIG-Saúde denuncia a contratación de persoal médico sen especialidade na Atención Primaria da área de Vigo

A federación sanitaria da CIG-Saúde denuncia que o Servizo Galego de Saúde está a contratar persoal médico sen especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria en centros de saúde da área sanitaria de Vigo e reclama que se respecte a titulación esixida para exercer na Atención Primaria.
Atencion Primaria
10 Mar 2026

A federación sanitaria da CIG-Saúde denunciou que o Servizo Galego de Saúde está a contratar nas últimas semanas persoal médico sen a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria para cubrir postos en centros da área sanitaria de Vigo.

Segundo explicou o sindicato, esta situación xa foi trasladada á Xerencia da área sanitaria mediante un escrito no que expresan a súa preocupación e reclaman que as profesionais que presten servizos no ámbito asistencial conten coa titulación de Especialista en Medicina de Familia e Comunitaria.

Dende a central sindical lembran que desde o ano 1995 o persoal médico que traballa nun centro de saúde debe completar a formación MIR específica nesta especialidade, un proceso formativo de catro anos que consideran fundamental para exercer na Atención Primaria.

Críticas pola falta de especialización

Para o sindicato, a contratación de profesionais sen esta formación supón un “agravio” para o persoal que si completou o programa MIR, ademais de introducir diferenzas na formación específica que, segundo sinalan, non garante que a asistencia sanitaria se preste coas competencias necesarias.

Neste sentido, consideran que esta práctica tamén contribúe a desvalorizar a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria e a precarizar as condicións laborais no ámbito da Atención Primaria.

Falta de planificación de recursos humanos

A CIG-Saúde sinala tamén que nos últimos anos se está a producir unha saída de especialistas cara a outras áreas sanitarias debido ás condicións de traballo existentes na Atención Primaria.

Segundo denuncian, esta situación agravouse pola aplicación das taxas de reposición nun contexto no que xa se prevía un elevado número de xubilacións e a necesidade dun importante relevo xeracional.

Ademais, lembran que os últimos procesos de Oferta Pública de Emprego deixaron a área sanitaria de Vigo cun saldo negativo de profesionais, provocando o traslado ou a saída de persoal especializado.

Reclaman medidas ao Sergas

Ante esta situación, a CIG-Saúde reclama que o Sergas reverta a política de contratación de persoal médico sen especialidade para o ámbito asistencial e que garanta que os postos na Atención Primaria sexan ocupados por profesionais coa titulación requirida.

0.46299600601196