A CIG-Saúde denuncia o abandono da Atención Primaria no Barbanza en pleno verán

A organización sindical alerta de que esta redución de efectivos prodúcese precisamente nun momento no que a poboación dos concellos costeiros da comarca experimenta un importante incremento
camaño-uidade-mobil-radioloxia-barbanza
14 Jul 2026

A CIG-Saúde do Barbanza denunciou a grave situación que, segundo asegura, están a atravesar os centros de saúde da comarca durante este verán debido á falta de cobertura das vacacións e doutras ausencias do persoal sanitario. O sindicato advirte de que a situación é peor que a rexistrada o pasado ano e atribúe o problema á falta de planificación da Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza.

A organización sindical alerta de que esta redución de efectivos prodúcese precisamente nun momento no que a poboación dos concellos costeiros da comarca experimenta un importante incremento pola chegada de turistas, persoas desprazadas e propietarios de segundas residencias. Municipios como Ribeira, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Porto do Son ven aumentar notablemente o número de habitantes durante os meses de xullo e agosto, chegando nalgúns casos a practicamente duplicar a súa poboación en determinadas semanas.

Segundo a CIG-Saúde, a cobertura das vacacións do persoal médico e de enfermaría é practicamente inexistente, o que obriga aos profesionais en activo a asumir os cupos das compañeiras e compañeiros ausentes. O sindicato asegura que esta situación está a provocar unha sobrecarga asistencial cada vez maior e unha deterioración da calidade da atención sanitaria.

A central sindical destaca tamén a situación das Técnicas en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE), que considera especialmente preocupante. Afirma que este verán practicamente ningún centro conta con substitucións para esta categoría profesional. Nos centros de Ribeira e Porto do Son, onde existen dúas prazas, o persoal redúcese a unha única profesional durante os períodos vacacionais. En Rianxo, segundo denuncia, chegou a haber unha quincena completa sen ningunha TCAE no centro, mentres que na Pobra do Caramiñal foi o único municipio no que se realizaron as coberturas previstas.

Outra das preocupacións expresadas pola organización é a situación da Pediatría. A baixa dunha das pediatras de Boiro provocará, segundo sinalan, que unha única especialista teña que atender ás crianzas de Boiro e tamén ás de Rianxo. Ao mesmo tempo, as familias da Pobra do Caramiñal deberán desprazarse ata Ribeira para recibir atención pediátrica. En relación coa enfermaría pediátrica, o sindicato asegura que só se están realizando substitucións internas nos centros con máis dunha profesional e que, no resto dos casos, a atención podería recaer sobre as enfermeiras de persoas adultas.

A CIG-Saúde exemplifica esta situación con casos concretos rexistrados nos últimos días. Así, asegura que o centro de saúde de Porto do Son chegou a funcionar cunicamente con dúas enfermeiras das cinco que integran habitualmente o seu cadro de persoal, mentres que en Rianxo houbo xornadas nas que só estiveron dispoñibles tres das seis profesionais previstas.

Para a organización sindical, resulta “absolutamente inaceptable” que os centros de saúde operen con dotacións reducidas á metade nun período no que a demanda asistencial aumenta de forma considerable. O sindicato sostén que as vacacións son unha situación perfectamente previsible e acusa ao Sergas de optar por unha política de aforro en contratacións en detrimento da atención sanitaria.

A central advirte de que as consecuencias desta situación tradúcense en consultas masificadas, incremento dos tempos de espera, maior presión asistencial e un crecente desgaste físico e emocional para o persoal. Ademais, considera que esta realidade afecta directamente á cidadanía, que durante os meses de verán precisa dunha Atención Primaria reforzada para facer fronte ao aumento da demanda.

Ante esta situación, a CIG-Saúde reclama á Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza e ao Sergas a cobertura inmediata das vacacións e de todas as incidencias en todas as categorías profesionais, un reforzo extraordinario dos cadros de persoal adaptado ao incremento estacional da poboación e o fin da política que cualifica de “peches encubertos” e de distribución de profesionais entre distintos centros para paliar a falta de efectivos.

O sindicato conclúe reclamando un compromiso real coa Atención Primaria que garanta unha asistencia pública, universal, segura e de calidade durante todo o ano, especialmente nos meses de verán, cando a presión asistencial aumenta de maneira significativa.

0.41553807258606