A cineasta portuguesa Margarida Cardoso impartirá en Bóveda un curso sobre cine, memoria e colonialismo

Cardoso participará na terceira edición da Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra e presentará tamén a estrea galega de Banzo
margarida-cardoso-vendaval
15 Jun 2026

A cineasta e guionista portuguesa Margarida Cardoso visitará por primeira vez Galicia para impartir un curso centrado nas relacións entre cinema, memoria histórica e colonialismo, no marco da terceira edición do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra.

A actividade desenvolverase os días 29 e 30 de agosto na Casa da Memoria de Xullán, no concello de Bóveda, en horario de mañá. O curso abordará como o cinema portugués foi tratando, ao longo das últimas décadas, as pegadas do colonialismo, a guerra colonial e os procesos de independencia en África, a través da obra da propia realizadora e doutros autores.

Durante as sesións analizaranse fragmentos de filmes, materiais de arquivo e procesos de creación vinculados a títulos como Natal 71, Kuxa Kanema: O Nascimento do Cinema, A Costa dos Murmúrios, Yvone Kane e Banzo, entre outros. A proposta combinará reflexión teórica e práctica arredor do papel do cinema na construción e revisión das narrativas históricas.

O programa inclúe ademais acceso ás actividades da mostra, que se celebrará entre o 25 e o 30 de agosto nos concellos de Sarria, Sober, Escairón e Bóveda. A organización ofrece tamén aloxamento con posibilidade de acampada e manutención durante o curso. O prezo da inscrición será de 160 euros ata o 10 de xullo e de 200 euros a partir desa data, ata completar aforo.

Dentro do mesmo festival, o Vendaval acollerá a estrea galega de Banzo, o último filme de Cardoso, unha obra ambientada nunha illa africana en época colonial que tivo unha destacada traxectoria internacional e varios recoñecementos na Academia Portuguesa de Cinema, ademais de estar nomeada aos Premios Goya.

Margarida Cardoso, con ampla carreira como directora e investigadora, desenvolveu a súa obra entre o documental e a ficción, centrada especialmente nas memorias do colonialismo portugués e as súas consecuencias, e exerce tamén como docente en distintas institucións internacionais de cinema.

0.36028599739075