A comarca de Compostela afronta unha seca severa que xa supera os rexistros de 1990

A comarca de Compostela atravesa este verán unha situación de seca severa que xa supera os rexistros da histórica seca de 1990, considerada unha das máis graves das últimas décadas. Segundo os datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC), desde o pasado 19 de febreiro ata o 19 de agosto apenas se recolleron 181,4 litros por metro cadrado na estación meteorolóxica do centro, unha cantidade que representa aproximadamente unha cuarta parte da precipitación habitual para este período.
Os datos mensuais reflectidos polo Observatorio sitúan en 12,4 litros por metro cadrado as precipitacións dos últimos días de febreiro, aos que se sumaron 35,4 litros en marzo, 27,1 en abril, 48,7 en maio, 30,1 en xuño, 16,4 en xullo e apenas 11,3 litros no que vai de agosto.
O coordinador científico do Observatorio da USC, José Ángel Docobo, explica que as secas de dous ou tres meses non son excepcionais en Compostela e lembra que mesmo se chegou a rexistrar un mes completo sen choiva, como aconteceu en xullo de 2020. Porén, considera especialmente significativa a situación actual pola súa duración e intensidade.
Dentro deste século, o precedente máis próximo sería o episodio de seca de 2011, cando no mesmo período se acumularon 252,7 litros por metro cadrado. A cifra actual é mesmo inferior á rexistrada en 1990, cando se contabilizaron 206,1 litros por metro cadrado durante os seis meses analizados. Segundo Docobo, esta situación encaixa ademais nun escenario que está a afectar a boa parte de Galicia, especialmente ás zonas que quedaron á marxe das treboadas estivais despois das intensas precipitacións dos meses anteriores.
Á falta de choiva súmanse unhas temperaturas elevadas. En Santiago, a máxima do que vai de ano alcanzou os 38,1 graos o pasado 5 de xullo, mentres que o día anterior se chegaran aos 37,5 graos. O episodio de calor xa se fixera notar o 22 de xuño, cando os termómetros marcaron 34,7 graos.
Durante o verán, a temperatura superou os 30 graos en dúas xornadas de xuño, en dez días de xullo e en nove de agosto. En total, son 21 xornadas con rexistros superiores a esa barreira, unha cifra que xa supera as 18 alcanzadas no mesmo período do ano pasado.
Os datos do Observatorio da USC poñen así de manifesto a combinación dunha acusada falta de precipitacións e de temperaturas elevadas, nunha comarca que afronta un dos períodos máis secos das últimas décadas.