A contorna da praia fluvial do Val, en Mondariz, será recuperada cunha inversión de 780.000 euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Mondariz, Pablo Barcia, asinaron o convenio para impulsar a recuperación paisaxística e a posta en valor da praia fluvial do Val. A actuación está incluída na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, programa que distribúe 35 millóns de euros entre os 57 concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes que resultaron beneficiarios.
O acordo establece que a Deputación financiará con 500.000 euros unha intervención cun orzamento total de 780.000 euros. O Concello de Mondariz achegará os máis de 280.000 euros restantes.
O proxecto pretende renovar e mellorar a contorna da praia fluvial a partir da optimización das infraestruturas existentes e da incorporación de novos elementos. Entre os obxectivos da actuación están tamén reforzar o atractivo turístico e deportivo deste espazo, aumentar o número de visitantes e contribuír ao desenvolvemento económico e social sostible da zona.
Os traballos serán deseñados seguindo criterios de sustentabilidade e respecto polo medio ambiente, tanto na configuración dos espazos como na elección dos materiais, tendo en conta as características da contorna na que se desenvolverán.
Unha das intervencións previstas será a renovación das pistas deportivas, que incorporarán novos acabados, equipamentos e iluminación. Tamén se retranqueará o aparcamento actualmente situado na zona de ribeira para recuperar a configuración natural deste tramo e dar continuidade á senda.
Esta modificación permitirá mellorar o espazo e facilitar o seu aproveitamento para a celebración de actividades deportivas ou como recurso turístico, mediante a incorporación de elementos como mobiliario e un punto selfie. A retirada do tráfico rodado da zona de ribeira permitirá, ademais, incrementar a seguridade das persoas que utilizan as sendas.
O aparcadoiro manterase na cota superior, onde será acondicionado, ao igual que a área destinada ás autocaravanas.
A actuación contempla tamén a ampliación e mellora das sendas e a incorporación de medidas destinadas a reforzar a seguridade nas actividades deportivas. Tamén se mellorarán as conexións entre os diferentes espazos destinados á práctica deportiva.
Entre as novas instalacións figura un centro de recepción de visitantes e punto de encontro para deportistas, que contará con aseos e vestiarios. O proxecto inclúe igualmente actuacións de mellora do alumeado público, a construción dunha nova zona de asadores e a creación dun espazo de xogos infantís.
A colaboración económica da Deputación con Mondariz esténdese máis alá desta actuación do Plan Extra. Segundo a institución provincial, o Concello recibiu durante os tres anos do actual mandato un total de 3,42 millóns de euros procedentes dos diferentes plans de cooperación aprobados pola Deputación.