A Coruña activa o dispositivo de máximo risco de incendios con máis de 1.300 efectivos para o verán

A provincia da Coruña afronta a campaña de alto risco de incendios forestais cun dispositivo integrado por máis de 1.300 profesionais e un reforzo da coordinación entre administracións e corpos de seguridade. A planificación foi abordada este luns na reunión do Comité Provincial de Coordinación Policial contra os Incendios Forestais, presidida pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e coa participación da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.
No encontro participaron representantes dos cinco distritos forestais da provincia, así como efectivos da Policía Autonómica, Policía Nacional, Garda Civil, Protección Civil, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais e a Subdelegación do Goberno. O obxectivo foi coordinar recursos e estratexias de prevención, investigación e extinción de lumes de cara aos meses de maior risco.
Segundo os datos facilitados pola Xunta, a provincia contará este verán con 121 brigadas, 88 motobombas, catro bulldozer e oito medios aéreos, ademais do persoal dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais, parques comarcais e concellos.
Durante a reunión analizouse tamén a evolución dos incendios forestais rexistrados nos últimos meses. En 2025 arderon na provincia da Coruña un total de 1.518 hectáreas, unha cifra que serviu para avaliar a distribución dos recursos e a planificación da vixilancia preventiva nas zonas con maior risco.
A Xunta destacou tamén os avances acadados na redución das denominadas parroquias de alta actividade incendiaria. Segundo explicou Belén do Campo, a provincia pasou de contar con 13 parroquias catalogadas nesta situación en 2014 a só catro repartidas en tres concellos durante este ano.
Outro dos eixos da estratexia preventiva céntrase na xestión da biomasa e na limpeza das faixas secundarias de protección próximas ás vivendas. Neste sentido, a Consellería do Medio Rural mantén activo o convenio coa empresa pública Seaga, dotado este ano con 25 millóns de euros, o dobre que no exercicio anterior. Na provincia coruñesa xa están adheridos 90 dos 93 municipios.
A administración autonómica tamén incrementou nun 50 % o investimento destinado á prevención dos incendios forestais, alcanzando os 75,38 millóns de euros en toda Galicia. Este orzamento permitirá actuar en preto de 34.000 hectáreas mediante rozas, áreas cortalumes, faixas auxiliares, mellora de pistas forestais e outras actuacións preventivas.
Coincidindo coa celebración de San Xoán, a Xunta realizou ademais un chamamento á responsabilidade cidadá para evitar situacións de risco, especialmente no uso de fogueiras preto de zonas forestais. As autoridades lembran que os avisos por incendios poden comunicarse a través do teléfono 085 e que tamén está dispoñible o número gratuíto 900 815 085 para denunciar actividades incendiarias sospeitosas.