A Coruña e Vigo incorporarán profesorado propio para avanzar na descentralización de Medicina

As universidades públicas contarán o vindeiro curso con sete docentes asociados de Ciencias da Saúde para completar as prácticas clínicas de 5º e 6º
SANTIAGO facultade medicina
19 May 2026

As universidades da Coruña e de Vigo darán un novo paso no proceso de descentralización do grao en Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. O vindeiro curso académico 2026/27 incorporarán profesorado asociado de Ciencias da Saúde propio, unha medida que permitirá completar a descentralización da docencia práctica clínica de 5º e 6º curso.

En total serán sete profesionais: catro na Universidade da Coruña e tres na Universidade de Vigo. Estas prazas serán convocadas polas propias universidades e pasarán a formar parte dos seus cadros de persoal. Ademais, quedarán incluídas no concerto único do Sergas co sistema universitario galego.

O acordo foi abordado na Comisión de Seguimento do proceso de descentralización de Medicina, na que participaron os responsables autonómicos de Educación e Sanidade, xunto cos reitores das tres universidades públicas galegas.

A incorporación deste profesorado permitirá que a docencia práctica clínica de 6º curso, xa descentralizada actualmente, e a de 5º, que ata agora só o estaba de forma parcial, poida desenvolverse plenamente nas tres universidades e nos sete hospitais implicados a partir do próximo curso.

A comisión tamén aprobou o regulamento das unidades docentes que se encargarán de organizar este proceso. O documento fixa, entre outras cuestións, os criterios para repartir o alumnado no caso de que haxa máis solicitudes que prazas dispoñibles. Teranse en conta aspectos como o domicilio familiar, situacións de enfermidade grave, discapacidade, conciliación, vítimas de acoso e a nota media do expediente académico.

Segundo o modelo previsto, as unidades vinculadas á Universidade da Coruña e á Universidade de Vigo acollerán cada unha arredor do 25% do alumnado matriculado no curso descentralizado correspondente, sempre que o solicite de maneira voluntaria. Ademais, a metade das novas contratacións de profesorado adscribiranse ás universidades da Coruña e Vigo.

O proceso aínda deberá continuar nos próximos anos coa adaptación completa do título. Para iso será necesaria a reverificación do grao en Medicina, co obxectivo de incorporar os cambios derivados da docencia descentralizada e garantir a validez académica para o alumnado.

A previsión coa que traballa a Comisión de Seguimento é completar a descentralización total da docencia teórica e práctica no curso 2028/29. Ata entón, as universidades e a Xunta deberán avanzar na modificación da memoria do título e na súa validación pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

0.3683500289917