A Coruña prepara un San Xoán internacional con reservas para fogueiras en Riazor

O Concello da Coruña probará na praia de Riazor un sistema de parcelas para entidades e reforzará a campaña de concienciación durante a Noite Meiga
corunha-san-xoan-balance
4 Jun 2026

O San Xoán da Coruña incorporará este ano unha proba piloto de reserva de espazos para fogueiras na praia de Riazor. A medida aplicarase no treito comprendido entre As Escravas e o Playa Club, onde a area se dividirá en parcelas que poderán solicitar entidades e asociacións.

As organizacións que consigan un destes espazos deberán responsabilizarse do seu coidado e limpeza, deixando a zona recollida ao abandonar o areal. A alcaldesa, Inés Rey, explicou que a iniciativa busca evitar conflitos pola ocupación de espazos e, ao mesmo tempo, implicar as entidades na retirada dos residuos. Segundo o resultado da experiencia, o Concello estudará ampliala en vindeiras edicións a outras zonas das praias.

A rexedora presentou a programación deste ano no Palacio de María Pita, acompañada polo ilustrador e cineasta coruñés Alberto Vázquez, autor do cartel da edición, e polo creador de contido Champi Muros. Vázquez, gañador de cinco premios Goya, deseñou unha imaxe protagonizada por unha gran sardiña, coa cidade, o lume, a auga, as praias e as fogueiras como elementos simbólicos da celebración.

O Concello impulsará tamén unha campaña de concienciación para reducir a acumulación de lixo nas praias e nas rúas durante a Noite Meiga. A iniciativa contará coa colaboración dos creadores de contido Santiago Caamaño, coñecido como Champi Muros, e Paula Vilaboy, Blondie Muser, que difundirán mensaxes nas redes sociais para promover condutas responsables.

Como en anos anteriores, distribuirase madeira limpa nos areais, que será a única autorizada para as fogueiras. En total repartiranse 120 toneladas en 14 puntos habilitados nas praias. Tamén se reforzarán os contedores tanto nos areais como nas zonas de maior afluencia dos barrios, e desenvolveranse accións para evitar a acumulación de envases e vidro.

A campaña municipal contará ademais coa colaboración das asociacións Galicia de Noite e España de Noche, co obxectivo de fomentar comportamentos cívicos nos locais de hostalería e ocio nocturno. O dispositivo incluirá tamén puntos violeta ao longo do Paseo Marítimo para ofrecer información e atender posibles denuncias de condutas violentas contra as mulleres nunha celebración que reúne na cidade a preto de 200.000 persoas.

Nos próximos días publicarase o bando municipal que regulará as sardiñadas, churrascadas e demais actividades propias da noite do 23 de xuño, así como os espazos nos que non estará permitido prender lume.

A programación cultural comezará antes da Noite Meiga coa Ruada das Xoubas, que desde o 17 de xuño levará propostas de teatro, música, danza, maxia, narración oral, xogos populares e obradoiros a diferentes barrios da cidade. A iniciativa contará con compañías vencelladas á Coruña e incluirá actividades para todos os públicos.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

0.35116600990295