A Coruña volverá converterse en epicentro da creación electrónica e audiovisual cunha nova edición de Fanzine Fest

A Coruña volve situarse no centro da creación electrónica e audiovisual coa nova edición do Fanzine Fest, o festival de vangarda organizado pola promotora local Fanzine Project co apoio do Concello da Coruña. A programación foi presentada esta mañá no Teatro Colón, con presenza do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, que destacou que “desde o Goberno de Inés Rey buscamos dar protagonismo aos artistas e promotores locais que apostan por proxectos dunha alta calidade cultural coma este, implicando á cidadanía e enchendo de arte espazos singulares da nosa cidade”.
Esta edición amplía os seus escenarios coa incorporación do Museo de Belas Artes, a Igrexa das Capuchinas e o propio Teatro Colón, que se suman a sedes habituais como o Planetario da Casa das Ciencias, a Domus, a Fundación Luis Seoane e a Sala O Túnel.
Durante sete días, Fanzine Fest ofrecerá unha programación que mestura xeracións, estilos e orixes dentro da música electrónica contemporánea. O cartel reúne figuras internacionais como Orphx, Plant 43, Kerrie, Jerome Hill ou Electric Rescue, así como artistas destacados da escena española como Architectural ou Promising/Youngster. A representación galega é ampla, con nomes como Boneco & Hey Pablo!, Ángel Novcad, Jean Fixx, Bombyx Blow, Músculo!, Lex G, Roi, Slit Observers, Mist Gasp e Elektrógena. No ámbito visual, o festival contará coa presenza de Gnomalab, Eloi Costilludo, Juan Lesta e The Panic Room, encargados das contornas inmersivas e proxectos AV/AV.
O festival comezará baixo a cúpula do Planetario da Casa das Ciencias, onde Boneco & Hey Pablo! inaugurará cun espectáculo audiovisual inmersivo. Posteriormente, a programación trasladarase ao Museo de Belas Artes, onde actuarán Bombyx Blow e Jean Fixx.
A Domus acollerá a xornada FPS-BPM, centrada no audiovisual galego, con Alberto Vázquez & Death Whistle e o colectivo MIL111, e tamén os concertos de Ángel Novcad e Promising Youngster & The Panic Room. A Fundación Luis Seoane será outro dos focos do festival coa presenza de artistas como Architectural, Jerome Hill, Lex G, Aizikovic, Ekata, Electric Rescue e outros.
O sábado 6, o Teatro Colón terá unha presenza especial coas actuacións de Ke Lepo & Félix Buff e Músculo!, nun formato íntimo onde o público e os artistas compartirán escenario. O domingo pola mañá a Igrexa das Capuchinas converterase nun espazo para a escoita contemplativa con Garza e Lefrenk.
A semana rematará na Sala O Túnel cun evento en formato club que incluirá actuacións de Orphx, Plant 43, Kerrie, Roi, Slit Observers, Elektrógena, Neukleonen, Mist Gasp, acompañados por VJs como Gnomalab, Juan Lesta, The Panic Room e Eloi Costilludo.
Ademais, o festival ofrecerá talleres e charlas o sábado 6 na Fundación Luis Seoane. Para o público infantil haberá ‘Viaxe ao centro do ritmo’ con Sebastian Black e ‘Mini Mappers’, un taller de vídeo mapping con Gnomalab. Para adultos, OXI Instruments impartirá un obradoiro de creación e performance musical, e Patricia Hermida, presidenta da AGEM, dará unha charla titulada “Os likes non pagan o alugueiro: Onde está o diñeiro na música?”.