A cultura inclusiva toma A Coruña cunha semana de música, cine e arte para todos os públicos

A Coruña converterase durante a próxima semana nun punto de encontro para a cultura inclusiva coa celebración da undécima edición do DiversidArte Festival. A cita, organizada pola Asociación Poten100mos coa colaboración do Concello da Coruña e co financiamento da Deputación, desenvolverase entre o 13 e o 20 de xuño cun amplo programa de actividades gratuítas e accesibles.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou durante a presentación do evento a aposta do Goberno municipal por unha cultura capaz de fomentar a inclusión e a participación de toda a cidadanía. No acto tamén participou a deputada Avia Veira, que subliñou a importancia de apoiar iniciativas que converten o espazo público nun lugar de encontro fronte aos prexuízos e á intolerancia.
A programación reunirá propostas de música, cine, artes escénicas, moda inclusiva e cultura urbana, ademais de iniciativas participativas destinadas a sensibilizar sobre a inclusión social. Un dos actos centrais será a celebración, o 18 de xuño, do IX Concurso Internacional de Cine Social DiversimaCine no Campo da Leña, coincidindo co Día Internacional para Contrarrestar o Discurso de Odio. Nesta edición recibíronse preto de 700 curtametraxes de ficción de distintos países.
A xornada de cinema arrincará coa posta en escena de 'Lola: Ni canta, ni baila, pero no se la pierdan', unha traxicomedia sobre Lola Flores interpretada por Muna Duval, con Carlos Manteiga e Antonio Arias.
Entre as actividades máis destacadas figura tamén o DiversidArte Day, o 19 de xuño, encabezado por Amparo Sánchez, líder de Amparanoia, que presentará o seu novo traballo 'Ritual Sonoro' acompañada pola Banda DiversidArte e a Sophie Simonds Band. Ese mesmo día actuará Batuko Tabanka, grupo de mulleres de orixe caboverdiana procedentes de Burela.
Como novidade desta edición, a praza de Santa Catalina acollerá un Desfile de Moda pola Diversidade, unha iniciativa que combinará inclusión, creatividade e promoción do comercio local coa participación de diferentes marcas e entidades colaboradoras.
O festival rematará o 20 de xuño co Freestyle People Day, unha xornada dedicada á cultura urbana e á inclusión coa participación de MC Skone e do grupo inclusivo Freestyle People. Haberá batallas positivas e micrófono aberto para fomentar a participación cidadá.