A curtametraxe 'Cara de cona' do vigués Guillermo de Oliveira lévase un dos premios Fugaz

Ambientada na Galicia rural, trátase dunha comedia negra protagonizada por Milo Taboada, Diego Anido, Nancho Novo, Cristina Andrade e Noah de Diego gravada en Sober e Pantón
fugaz-premios
25 Jun 2026

A curtametraxe Cara de cona, dirixida polo vigués Guillermo de Oliveira e rodada nos municipios lucenses de Sober e Pantón, gañou o premio a Mellor Montaxe na décima edición dos Premios Fugaz, os galardóns máis relevantes da curtametraxe española. A gala celebrouse o pasado luns 22 de xuño na Sala 25 dos cines Kinépolis Ciudad de la Imagen (C. Edgar Neville, s/n) de Madrid, cun milleiro de asistentes entre profesionais do audiovisual, prensa e institucións.

A obra chegaba á cerimonia como unha das grandes candidatas desta edición, con 10 nomeamentos nalgunhas das principais categorías do palmarés, como Mellor Curtametraxe, Dirección, Guión, Dirección de Produción ou Interpretación Masculina para Milo Taboada. Finalmente, o recoñecemento chegou no apartado de Montaxe, asinada polo propio Guillermo de Oliveira.

Ambientada na Galicia rural, Cara de cona é unha comedia negra protagonizada por Moncho, un home que ve alterada a súa tranquilidade coa chegada de Pardavila, un veciño cara ao que desenvolve un odio irracional ata idear un plan criminal tan retorto como absurdo. A película conta no seu elenco con Milo Taboada, Diego Anido, Nancho Novo, Cristina Andrade e Noah de Diego. Guillermo de Oliveira, nacido en Vigo, é tamén o director de Desenterrando Sad Hill, documental premiado en Sitges e nomeado ao Goya a Mellor Documental.

“Montecarlo 67” triunfa con ata oito premios

A gran triunfadora do certame foi a cinta Montecarlo 67, que obtivo un total de oito premios. Con este resultado, a obra de Rubén Guindo Nova converteuse na curtametraxe máis premiada na historia dos Fugaz, por diante de Stanbrook, que recibiu sete premios en 2021. Montecarlo 67 logrou o premio a Mellor Curtametraxe e completou a noite ao impoñerse tamén nas categorías de Mellor Dirección, Mellor Interpretación Masculina para Carlos Santos, Dirección de Produción, Dirección de Fotografía, Dirección de Arte, Vestiario e Maquillaxe e Peiteado.

A gala reuniu un milleiro de asistentes entre profesionais do audiovisual, prensa e institucións, e recoñeceu os gañadores de 21 categorías distintas nunha edición especialmente significativa para os Fugaz, que cumpren dez anos como gran punto de encontro da curtametraxe española.

Entre as obras máis recoñecidas tamén destacaron In memoriam, Señuelo e Chicken Jazz, con dous premios cada unha. O guión de In memoriam, escrito por Teresa Bellón e César F. Calvillo, foi elixido como o mellor desta edición, mentres que Cristina Soria obtivo o premio a Mellor Interpretación Feminina pola mesma curtametraxe. Pola súa banda, Señuelo logrou os recoñecementos a Mellor Dirección Novel para Martha García Ayerbe e Mellores Efectos Visuais para Laura Pedro, e Chicken Jazz impúxose nas categorías de Mellor Son e Mellor Banda Sonora.

Nas categorías por formato, El fantasma de la quinta foi distinguida como Mellor Curtametraxe de Animación e Baile con la muerte como Mellor Curtametraxe Breve. Ademais, La Barbarie, de México, gañou o premio a Mellor Curtametraxe Hispanoamericana; Los murciélagos han abandonado el campanario recibiu o galardón a Mellor Curtametraxe de Escola; e Sorda fíxose co premio a Mellor Longametraxe.

Entre os asistentes figuraron destacados nomes do cinema, a televisión e a cultura como Toni Acosta, Laura Galán, Mabel Lozano, Luisa Gavasa, Carlos Santos, Mariano Venancio, Álex O’Dogherty ou Luis Larrodera, entre outros moitos. Tamén acudiron representantes do ICAA, da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e da Comunidade de Madrid.

O Premio Fugaz de Honra recoñeceu este ano a Álex de la Iglesia por unha traxectoria que comezou na curtametraxe con Mirindas asesinas e que, década tras década, se consolidou como unha das achegas máis persoais, populares e imprescindibles ao cinema español contemporáneo.

Samuel Rodríguez, codirector de CortoEspaña, entidade organizadora dos premios, declarou: «Cumprir 10 anos permítenos mirar atrás e comprobar ata que punto a curtametraxe española cambiou, medrou e gañou ambición. Os Fugaz naceron para darlle á curtametraxe o lugar que merecía dentro da industria, non como un paso previo nin como unha categoría secundaria, senón como unha forma de cinema con linguaxe propia, risco e unha enorme capacidade para detectar cara a onde se move o noso audiovisual. Esta edición volve demostrar que a curtametraxe non só descobre talento, senón que tamén concentra algunhas das miradas máis libres, precisas e necesarias do noso cinema».

0.34751200675964