A demolición das torres da central térmica das Pontes farase o día 30 de xullo

Durante as horas de execución dos traballos será preciso proceder ao corte temporal das estradas anexas, co fin de garantir a seguridade das persoas e facilitar o desenvolvemento das operacións
caravana-endesa-1
3 Jul 2026

O Concello confirma que a demolición das torres de refrixeración da central térmica se levará a cabo o vindeiro 30 de xullo, unha vez finalizadas as Festas do Carme, tal e como avanzara a mediados do mes de xuño o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso.

Nun primeiro momento, as empresas implicadas propuxeran o 16 de xullo como data de execución, ao considerar que era a opción que menor impacto xeraría na súa actividade produtiva. Porén, o Concello trasladou, xa no mes de maio, que esa data non era aceptable por coincidir co período de celebración das Festas do Carme, polo que a actuación debía realizarse unha vez rematadas as celebracións.

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, sinala que “había unha proposta inicial para o 16 de xullo porque era o momento que menos prexuízo causaba á produción das fábricas, pero desde o Concello entendíamos que non era aceptable e así o fixemos saber, non a íamos admitir”.

A actuación implicará a parada do parque de transformación da central e a execución dunha voladura controlada das torres, o que fará necesario establecer un cero enerxético na subestación situada xunto á central; unha infraestrutura clave da rede eléctrica xa que dá servizo á evacuación de varios parques eólicos e funciona tamén como punto de conexión para grandes consumidores industriais.

A demolición implicará a interrupción temporal da subministración eléctrica durante esa xornada nas instalacións afectadas, polo que o Concello quere agradecer a colaboración e o esforzo realizado polas empresas e operadores implicados, como Megasa, Alcoa, Redeia Corporación, Naturgy e Endesa, entre outras, para facer posible , traballando de maneira coordinada, fixar unha nova data viable para todas as partes, tendo en conta o impacto derivado da parada do parque de transformación da central.

Así mesmo, o executivo local recalca que a demolición se realizará baixo estritos protocolos de seguridade establecidos pola normativa vixente e en coordinación permanente entre a Policía Local, Protección Civil e a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia. O dispositivo seguirá un modelo de actuación similar ao aplicado en Cerceda, desenvolvida con normalidade e sen incidencias, e incluirá todas as medidas necesarias para garantir a protección da contorna e minimizar calquera posible afección.

Durante as horas de execución dos traballos será preciso proceder ao corte temporal das estradas anexas, co fin de garantir a seguridade das persoas e facilitar o desenvolvemento das operacións de demolición.

Por outra banda, o Concello indica que xa se iniciaron as accións informativas dirixidas ás vivendas máis próximas á zona de actuación, co obxectivo de que a veciñanza dispoña con antelación de toda a información necesaria.

0.44216799736023