A Deputación da Coruña achega 508.000 euros á UDC para financiar actividades e rehabilitar a aula Xoana Capdevielle

Os convenios inclúen 208.000 euros para programas científicos, culturais e sociais e outros 300.000 para renovar a cuberta do espazo de estudo do campus de Elviña, que conta con 654 postos
DIPU CORU convenio udc
6 Nov 2026

A Deputación da Coruña destinará 508.000 euros a financiar actividades científicas, culturais e sociais da Universidade da Coruña (UDC) e as obras de rehabilitación da cuberta da aula de estudo Xoana Capdevielle, no campus de Elviña. O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o reitor da universidade, Ricardo Cao, asinaron este venres, 6 de novembro, dous convenios que recollen estas achegas.

O primeiro acordo establece unha contribución de 208.000 euros para o programa de actividades da UDC. Esta cantidade representa o 80 % dun orzamento total de 260.000 euros e permitirá apoiar iniciativas relacionadas coa divulgación científica, a sustentabilidade, a igualdade, a xustiza social e a extensión universitaria.

O segundo convenio reserva 300.000 euros para as obras de rehabilitación da cuberta da aula Xoana Capdevielle. A intervención, cun orzamento total de 738.562,09 euros, busca solucionar os problemas de estanqueidade e as filtracións de humidade que afectan a este espazo, utilizado polo alumnado e que dispón de 654 postos de estudo.

Divulgación científica, cultura e sustentabilidade

Dentro do programa de actividades da universidade, o bloque de divulgación científica e extensión universitaria conta cun orzamento de 130.000 euros. Inclúe iniciativas como os Premios Isabel Zendal, dirixidos a fomentar o pensamento crítico entre o alumnado de secundaria e bacharelato, e 'Divulgando o noso', un programa que achega á cidadanía os resultados da investigación da UDC mediante infografías científicas e a colaboración con concellos, museos e outras entidades.

A programación tamén comprende obradoiros creativos, aulas de teatro, danza e música, o club de lectura de NORMAL, residencias artísticas, exposicións e o Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña. Estas propostas buscan abrir a actividade cultural universitaria á participación da cidadanía.

Pola súa banda, a liña de sustentabilidade dispón de 101.000 euros. Entre as iniciativas incluídas figura o proxecto Green Power, coordinado pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, no que equipos de estudantes deseñan e constrúen vehículos eléctricos para participar en carreiras de resistencia. O programa combina a formación práctica en enxeñaría co impulso das vocacións científicas e tecnolóxicas e da mobilidade sustentable.

Este apartado inclúe tamén o financiamento da final nacional da First Lego League, celebrada no campus de Ferrol e centrada na robótica educativa e na resolución de problemas reais mediante a ciencia e a tecnoloxía.

Apoio social e oportunidades para o alumnado

O convenio contempla ademais o apoio á Clínica Xurídica 'Xustiza Social', na que o estudantado, baixo supervisión académica e profesional, aplica os seus coñecementos para atender persoas en situación de vulnerabilidade.

Tamén se inclúen actividades do programa Espazo Compartido, asistencia persoal para estudantes con discapacidade que precisan apoio durante a súa vida universitaria e formación orientada á empregabilidade de persoas con discapacidade cognitiva no campus de Ferrol. Esta última iniciativa desenvólvese en colaboración coa Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

O acordo incorpora igualmente axudas para alumnado refuxiado, solicitante de asilo ou procedente de zonas de conflito ou receptoras de axuda oficial ao desenvolvemento. As bolsas están destinadas a cubrir gastos de matrícula, expedición de títulos, aloxamento e manutención.

Unha nova cuberta para a aula de estudo de Elviña

A segunda achega provincial, de 300.000 euros, financiará parte da rehabilitación da cuberta da aula Xoana Capdevielle, no campus de Elviña. As obras, que xa se atopan nun estado avanzado de execución, teñen un orzamento global de 738.562,09 euros.

A intervención inclúe a retirada das capas actuais da cuberta ata chegar á chapa de soporte e a instalación dun novo sistema de illamento térmico e impermeabilización. Tamén se están renovando as canles de recollida de auga, que terán maior capacidade, e as carpintarías vinculadas a estes elementos.

O obxectivo é resolver os problemas de filtracións e mellorar tanto a eficiencia enerxética como as condicións de uso da aula, un espazo de utilización intensiva por parte da comunidade universitaria.

0.25058603286743