A Deputación da Coruña e a UDC renovan o convenio para garantir o comedor do alumnado da residencia Elvira Bao

O acordo permitirá que os estudantes continúen utilizando o comedor do IES Rosalía Mera durante o curso 2026/2027
DEPU CORU comedor elvira bao
27 Jul 2026

A Deputación da Coruña e a Universidade da Coruña (UDC) renovaron a colaboración que permitirá ao alumnado da Residencia Universitaria Elvira Bao seguir utilizando o comedor do IES Rosalía Mera durante o curso académico 2026/2027. O convenio, asinado este luns pola deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, e o reitor da UDC, Ricardo Cao, garante a continuidade dun servizo que ambas institucións manteñen de forma ininterrompida desde 2020.

O acordo pon a disposición das persoas residentes as instalacións do comedor do centro educativo, con capacidade para 100 usuarios, onde poderán acceder aos servizos de almorzo, xantar e cea. Os estudantes compartirán os mesmos menús que se ofrecen ao alumnado do IES Rosalía Mera.

Segundo explicou a Deputación, o servizo estará operativo durante o período lectivo, quedando excluídos os días non lectivos, festivos e os períodos de vacacións do instituto. O convenio contempla distintas modalidades de uso en función das necesidades do alumnado, permitindo contratar só o servizo de xantar ou un réxime completo con xantar e cea. Neste último caso, para cinco días á semana, o custo máximo será de 226 euros.

O acordo mantén tamén as bonificacións previstas para familias numerosas. As de categoría xeral beneficiaranse dun desconto do 50 % sobre o prezo do servizo, mentres que as de categoría especial estarán exentas do pagamento.

A deputada Yoya Neira destacou que esta colaboración contribúe a facilitar o día a día do estudantado universitario, ofrecéndolle un servizo próximo e accesible, ao tempo que permite optimizar recursos públicos mediante a colaboración entre administracións. Pola súa banda, o reitor Ricardo Cao puxo en valor a continuidade dun convenio que, ao seu xuízo, mellora as condicións de estancia do alumnado e reforza o carácter público da residencia.

A Residencia Universitaria Elvira Bao, situada nunha parte das instalacións do IES Rosalía Mera, foi a primeira residencia universitaria pública da cidade da Coruña. O edificio é propiedade da Deputación, que o cedeu á Universidade da Coruña para dar resposta ás necesidades de aloxamento do estudantado universitario.

0.38655996322632