A Deputación da Coruña e o CSIC únense para protexer as plantas máis ameazadas da provincia

A Deputación da Coruña apoiará un proxecto pioneiro impulsado pola Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para mellorar a conservación das especies vexetais ameazadas da provincia. O convenio de colaboración, aprobado no último pleno provincial, contará cunha achega de 20.000 euros por parte da institución, o que representa preto do 78 % do orzamento total da iniciativa.
O proxecto desenvolverase ao longo de 2026 e ten como principal novidade que non se limitará ao estudo das plantas en risco de desaparición, senón que tamén analizará os solos nos que medran e os microorganismos que viven asociados a elas. Estes elementos desempeñan un papel fundamental na fertilidade do chan, na recuperación dos ecosistemas e na capacidade das especies para adaptarse aos efectos do cambio climático.
Na actualidade, o Catálogo Galego de Especies Ameazadas inclúe 65 especies, das que 42 están presentes na provincia da Coruña. Delas, 24 atópanse en perigo crítico de extinción e outras 18 están catalogadas como vulnerables, unha situación que, segundo a Deputación, evidencia a necesidade de reforzar as medidas de conservación.
Os traballos permitirán elaborar unha base de datos científica sobre estas especies, recoller e analizar mostras de solo, estudar as comunidades microbianas asociadas ás plantas e conservar material xenético que poida resultar útil en futuras investigacións ou actuacións de restauración ambiental.
A iniciativa pretende ofrecer novas ferramentas para orientar as políticas de conservación da biodiversidade e mellorar o coñecemento sobre os ecosistemas máis fráxiles da provincia. Ademais do labor investigador, o proxecto incluirá accións de divulgación mediante publicacións científicas, encontros especializados e a creación dun catálogo coas mostras conservadas.