A Deputación da Coruña repartirá 20.000 euros entre os mellores pódcasts en lingua galega

Os pódcasts en lingua galega contan desde este mes cun novo impulso. A Deputación da Coruña puxo en marcha a primeira edición do premio 'Transmitindo na Lingua Galega', unha convocatoria que repartirá 20.000 euros entre catro propostas sonoras e que pretende fomentar a creación de contidos en galego nos novos formatos dixitais.
O prazo para presentar candidaturas xa está aberto e permanecerá activo ata as 14.00 horas do 18 de decembro de 2026. Toda a tramitación deberá realizarse exclusivamente por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, dispoñible na sede electrónica da Deputación da Coruña.
Cada unha das catro categorías contará cun premio de 5.000 euros, con modalidades que buscan dar cabida a diferentes estilos e formas de entender o podcast.
A primeira delas, 'O teatro do aire', está destinada a obras de ficción ou adaptacións sonoras que destaquen polo uso creativo das voces, a música, os efectos e os ambientes. A segunda, 'A palabra fiada', está orientada a formatos conversacionais, como entrevistas, debates ou diálogos entre dúas ou máis persoas sobre calquera temática.
A terceira categoría, 'A pescuda sonora', recoñecerá traballos de carácter divulgativo que aborden mediante a investigación creativa feitos, persoas ou cuestións de interese social. Finalmente, 'A voz da nosa lingua' estará reservada para espazos sonoros centrados no estudo, promoción e fomento do uso do galego.
A convocatoria está aberta a autores e autoras de pódcasts realizados en lingua galega, cunha aposta por incrementar a presenza do idioma nun ámbito de comunicación que gaña peso entre os novos públicos.
A deputada de Lingua, Sol Agra, sinalou que o obxectivo é consolidar a presenza do galego nos novos espazos dixitais e de comunicación, ademais de estimular a creación e o talento vinculados á produción sonora.
A iniciativa busca así que o galego teña maior presenza nos formatos dixitais e que os creadores dispoñan dun novo escaparate para desenvolver propostas relacionadas coa ficción, a divulgación, a conversación ou a propia promoción da lingua.
A Deputación sitúa esta convocatoria nun contexto no que a radio e os formatos sonoros teñen tamén unha importante tradición na provincia. A institución lembra os primeiros pasos da radio en Galicia e a presenza da histórica EAJ-4 Unión Radio Galicia de Santiago de Compostela, para reivindicar a conexión entre aquela tradición e as novas formas de creación sonora.
As persoas interesadas en participar deberán presentar as súas candidaturas exclusivamente a través da sede electrónica provincial antes de que remate o prazo establecido, ás 14.00 horas do 18 de decembro.